Actualidade

O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro co director para Europa do Ministerio do Comercio Exterior, Pedro Luis Padrón, no que se avaliaron posibilidades de colaboración en ámbitos como o cooperativismo e os clústers. Reuniuse tamén coa directora de Relacións Institucionais da Cámara de Comercio da Habana, Celia Labora, abordando a constitución de sociedades mixtas nas que o goberno cubano xa non se reserva a maioría do capital social. O ano pasado exportaron a Cuba 128 compañías galegas, cifra que se está vendo mellorada no presente exercicio, no que as exportacións das empresas galegas á illa superan xa en máis dun 11% os rexistros acadados en todo o 2014

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participou nunha mesa redonda sobre internacionalización no Congreso de Enxeñaría Naval e Industria Marítima. Resalta o importante papel que está chamado a xogar o CIS Galicia como instrumento clave cara ao naval 4.0. Salienta os países nórdicos e Rusia como algúns dos mercados onde os estaleiros galegos están a procurar oportunidades de negocio e alianzas

O director do Igape, Javier Aguilera, participou en Santiago na apertura da Feira ACEINT, destinada a poñer en contacto a empresarios e emprendedores de Galicia e Norte de Portugal para facilitar novas oportunidades de negocio. Lembra que a Xunta dispón dun amplo abano de servizos e instrumentos de apoio para facilitar a posta en marcha e o desenvolvemento dos proxectos empresariais, especialmente os de carácter innovador.

A partir do próximo 6 de outubro poderán solicitarse as axudas do programa Reforma 15 para melloras en cociñas e baños. As solicitudes deberán tramitarse a través dos propios establecementos de venda. O plan da Xunta, dotado con preto de 3 millóns de euros, apoiará a 5.000 familias no acondicionamento destes espazos favorecendo a demanda, así como a actividade e o emprego entre os autónomos e as pemes da construción. O programa mobilizará investimentos de 30 millóns de euros con axudas que suporán rebaixas de arredor do 40% nos custos de materiais e mobiliario. 

O director do Igape, Javier Aguilera, participou en Vigo na xornada de peche do proxecto europeo ENTIC, no que colaboraron varios centos de empresas e profesionais de Galicia e do norte de Portugal. Salienta que a hibridación sectorial e o uso de aplicacións TIC serán aspectos fundamentais para conseguir que as fábricas convencionais poidan converterse en fábricas 4.0, as fábricas intelixentes que Galicia precisa. ENTIC facilitou o desenvolvemento dunha aplicación, xa empregada por máis de 80 empresas, que achega diagnósticos individuais orientados a reducir os consumos enerxéticos. Habilitouse tamén un directorio en liña con máis dun cento de empresas de Galicia e Norte de Portugal que ofrecen produtos ou servizos de eficiencia e diversificación enerxética.