Ferrol, 16 de outubro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe, durante a súa intervención nunha mesa redonda sobre a internacionalización do sector naval galego, a aposta pola innovación dos estaleiros e a industria auxiliar como mellor vía de acceso cara a novos mercados exteriores.
Aguilera salientou o potencial do naval galego para modernizarse e medrar en Galicia, contando co apoio do CIS Galicia como centro de referencia para incorporar innovación. Neste sentido, lembrou o papel do centro da Cabana no acordo por 2 millóns de euros asinado entre a Xunta, a industria e os centros tecnolóxicos para facer do naval galego un referente tecnolóxico internacional e camiñar cara ao naval 4.0.
O director do Igape referiuse aos países do Norte de Europa e a Rusia como algúns dos mercados onde o os estaleiros galegos están a localizar novos negocios e alianzas, e destacou os esforzos de Aclunaga para incrementar o volume de negocio internacional, para o que está a contar co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria, tanto a través do Plan Foexga como mediante as accións impulsadas polo propio Clúster, ao amparo das liñas específicas impulsadas polo Igape para financiar as estratexias de internacionalización promovidas por organismos intermedios.
O director xeral do Igape tamén recoñeceu que o sector naval de Galicia está a buscar e a atopar negocio noutras áreas xeográficas como América Latina, onde o clúster Aclunaga asinou este ano acordos de colaboración con entidades sectoriais brasileiras como Sinaval ou Abenap. Lembrou igualmente que Aclunaga é un dos clústers que están a traballar, conxuntamente coa Xunta de Galicia, do desenvolvemento dos plans estratéxico sectoriais destinados a dar novo pulo á internacionalización do tecido empresarial galego.
Aguilera Navarro destacou que o Igape coordina actualmente un amplo abano de servizos, tanto en orixe como en destino, e diferentes liñas de axuda destinadas a apoiar a internacionalización das empresas galegas, ben de xeito individual, ben de maneira colectiva, no marco de proxectos agrupados.
O director do Igape destacou que, ao abeiro da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, durante o próximo ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria seguirá intensificando as accións para procurar que novas empresas se sumen á conquista de mercados exteriores e para que as empresas xa internacionalizadas consoliden a súa presenza no exterior.