Friday, 02 October 2015 15:09

Economía e Industria salienta o papel das TIC para a consolidación da fábrica intelixente no marco da Axenda Galicia-Industria 4.0

O director do Igape, Javier Aguilera, participou en Santiago na apertura da Feira ACEINT, destinada a poñer en contacto a empresarios e emprendedores de Galicia e Norte de Portugal para facilitar novas oportunidades de negocio. Lembra que a Xunta dispón dun amplo abano de servizos e instrumentos de apoio para facilitar a posta en marcha e o desenvolvemento dos proxectos empresariais, especialmente os de carácter innovador.

Santiago, 2 de outubro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe o papel que as TIC están chamadas a desenvolver no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, como elementos facilitadores da consolidación da fábrica intelixente que promove a Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención na apertura da Feira ACEINT: Tecnoloxía na nova economía, que se desenvolve hoxe na Cidade da Cultura, Aguilera lembrou tamén o amplo abano de servizos de formación e asesoramento para a posta en marcha e a consolidación de novos negocios, entre os que citou a Rede Galega de Mentores, con empresarios expertos dispostos a compartir a súa experiencia en xestión con novos emprendedores.

O director do Igape destacou igualmente o completo catálogo de instrumentos de apoio para financiar proxectos emprendedores, especialmente os de carácter innovador. Aguilera referiuse en concreto aos fondos de capital risco da Xunta -entre os que citou o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, XesInnova e i2C-, a Rede galega de investidores particulares, preparada para facilitar a confluencia de recursos públicos e privados, ou a liña de préstamos directos Igape-Jeremie.

A Feira ACEINT reúne a máis de 120 emprendedores e persoas de Galicia e norte de Portugal interesados en afondar nas novas oportunidades de negocio ou alianza relacionadas co ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións. Durante a xornada de hoxe, case medio cento de empresas participan en encontros bilaterais orientados á creación de futuras joint ventures que conformarán a Rede Galaico-portuguesa de empresas TIC.

O proxecto europeo ACEint, no que o Igape colabora coa Universidade de Santiago e a axencia de desenvolvemento portuguesa BICMinho, está financiado polo Feder ao amparo do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e ten como obxectivo impulsar a creación, o desenvolvemento e a internacionalización de empresas TIC, coa finalidade de que actúen como catalizadores da competitividade na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Neste ámbito de cooperación impulsouse a posta en marcha de servizos e recursos para as empresas da Eurorrexión que desenvolven a súa actividade ou liñas de negocio no sector das TIC, mellorando o acceso a información, asesoramento e formación á medida para o sector. As accións desenvoltas no proxecto agrúpanse en tres bloques de actividades: un sistema de vixilancia de oportunidades para novos negocios, unha aceleradora de novas empresas e unha escola de emprendemento internacional.

Como punto de partida dos servizos de vixilancia, liderados polo Igape, este ano abriuse o servizo xeral de alertas e oportunidades de negocio para o sector TIC elaborado polo centro de recursos do proxecto ACEint. Este servizo puxo en marcha unha ferramenta de vixilancia de oportunidades no mercado internacional, con carácter permanente, para a creación de novas empresas TIC ou para a apertura novas liñas de negocio TIC innovadoras e con potencial. Corenta empresas de Galicia e do Norte de Portugal son usuarias deste servizo.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments