Wednesday, 23 September 2015 14:53

Economía e Industria salienta a xestión eficiente da enerxía como factor de relevancia para mellorar a competitividade das Pemes

O director do Igape, Javier Aguilera, participou en Vigo na xornada de peche do proxecto europeo ENTIC, no que colaboraron varios centos de empresas e profesionais de Galicia e do norte de Portugal. Salienta que a hibridación sectorial e o uso de aplicacións TIC serán aspectos fundamentais para conseguir que as fábricas convencionais poidan converterse en fábricas 4.0, as fábricas intelixentes que Galicia precisa. ENTIC facilitou o desenvolvemento dunha aplicación, xa empregada por máis de 80 empresas, que achega diagnósticos individuais orientados a reducir os consumos enerxéticos. Habilitouse tamén un directorio en liña con máis dun cento de empresas de Galicia e Norte de Portugal que ofrecen produtos ou servizos de eficiencia e diversificación enerxética.

Vigo, 23 de setembro de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a importancia da xestión eficiente da enerxía como factor relevante para que as pemes galegas poidan mellorar a súa competitividade. Durante a súa participación en Vigo na xornada de peche do proxecto europeo ENTIC, destacou a participación de varios centos de empresas e profesionais que incrementaron as súas habilidades, e puideron acceder a servizos e aplicacións baseadas nas TIC para mellorar nesta materia.

O proxecto de cooperación transfronteiriza liderado polo Igape serviu para desenvolver, en sintonía coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, unha aplicación TIC, xa usada por máis de 80 empresas, para realizar autodiagnósticos orientados a rebaixar custos e mellorar as súas cotas de eficiencia enerxética. Segundo salientou o director do Igape, a hibridación sectorial e o uso de aplicacións TIC para mellorar a competitividade das empresas serán aspectos fundamentais para conseguir que as fábricas convencionais poidan converterse nas fábricas 4.0, as fábricas intelixentes que Galicia precisa.

Ademais, ao abeiro do proxecto, máis de 150 profesionais tiveron oportunidade de formarse mediante cursos para a programación de dispositivos de eficiencia enerxética ou para optimizar os sistemas de xestión das pemes neste ámbito, mediante servizos ou aplicacións baseadas nas TIC.O proxecto ENTIC facilitou a creación dun directorio de empresas ofertantes de produtos e servizos para a diversificación e a eficiencia enerxética tanto en Galicia como no norte de Portugal, unha ferramenta en liña que conta actualmente con máis dun cento de empresas inscritas.

Durante o desenvolvemento do proxecto realizáronse tamén estudos, dispoñibles agora na web do proxecto ENTIC, sobre o capital humano para a eficiencia e a diversificación enerxética e as TIC na eurorrexión; as solucións TIC para a eficiencia e a diversificación enérxética; e o tecido empresarial da eurorrexión vinculado á eficiencia enerxética, que inclúe máis de 300 empresas das que 200 son galegas.

Segundo destacou o director do Igape, o proxecto ENTIC serviu, e seguirá a servir, para apoiar a transición das pemes cara a modelos enerxéticos sostibles baseados nas TIC, estimulando ao mesmo tempo novas oportunidades de negocio e emprego neste eido.

No proxecto que agora remata participaron, ademais do Igape e do Inega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Agência de Energia do Ave (AEdoAVE), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), a União das Associações Empresariais da Região Norte (UERN) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments