O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe en Carballo a clínica Nordés, onde informou sobre os programas de apoio da Xunta aos emprendedores. Cividanes resaltou a aposta pola especialización dos servizos e a innovación da empresa, que conta co apoio dos espazos coworking e o Galicia Emprende. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar a última convocatoria deste programa, co que en 2019 se apoiarán 200 proxectos cun volume de investimentos que superará os 24 millóns de euros.
O director do Igape, Juan Cividanes, inaugurou o 147 European Study Group with Industry (ESGI), no que matemáticos e industriais europeos avanzan na resolución dos retos da industria actual. Subliña a importancia da matemática aplicada na transformación dixital, a mellora da competitividade e a innovación das pequenas e medianas empresas. Desde hoxe e ata o 12 de abril, Santiago de Compostela acolle o foro organizado polo Itmati e a Rede Española Matemática-Industria.
A próxima convocatoria do Galicia Emprende mobilizará máis de 24 millóns de euros para favorecer a xeración de 700 empregos a través de novas empresas e a consolidación de compañías de recente creación. A iniciativa inclúe dúas convocatorias sucesivas para facilitar a presentación e a execución dos investimentos, á que se suma unha liña específica para o rural. O orzamento destinado en 2019 ao emprendemento ao abeiro do Galicia Emprende suma 9 millóns de euros, o que supón un incremento do 28% con respecto a 2018. O pasado ano achegáronse axudas a 159 proxectos que permiten a creación e o mantemento de 387 empregos. A través das distintas iniciativas da rede de aceleradoras StartIN Galicia, o Goberno autonómico ofrece apoio integral ao emprendemento en todo o territorio.
A segunda edición do coworking impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a EOI comeza a súa actividade en San Cibrao das Viñas, onde se acelerarán iniciativas de sectores moi diversos como o da madeira-forestal, agroalimentación ou o dos servizos. Están tamén en marcha os espazos de emprendemento de Celanova e Terras de Limia, A Mariña, Santiago, Ferrolterra, Costa da Morte, Ribeira Sacra e O Salnés.
O director do Igape, Juan Cividanes, participa hoxe en Expo Australia Galicia onde se analiza a importancia da cooperación internacional entre a nosa comunidade e o país oceánico. As exportacións galegas a este destino medraron un 64,6% o pasado ano, ata sumar 33,5 millóns de euros. Subliña que a alta calidade dos servizos e produtos galegos é clave para incrementar a presenza galega no exterior.