Xoves, 18 Abril 2019 10:37

A Xunta destaca na Costa da Morte o emprendemento como motor para a creación de emprego e os servizos de calidade

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe en Carballo a clínica Nordés, onde informou sobre os programas de apoio da Xunta aos emprendedores. Cividanes resaltou a aposta pola especialización dos servizos e a innovación da empresa, que conta co apoio dos espazos coworking e o Galicia Emprende. A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar a última convocatoria deste programa, co que en 2019 se apoiarán 200 proxectos cun volume de investimentos que superará os 24 millóns de euros.

Carballo (A Coruña), 17 de abril de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe na visita ás instalacións do centro dental Nordés, en Carballo, a aposta desta empresa pola innovación tecnolóxica e a oferta de servizos especializados. A clínica conta co apoio do programa Galicia Emprende que, segundo recordou Cividanes, vén de ser activado hoxe tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) da primeira convocatoria de 2019.

O director do Igape sinalou que, a través deste programa de axudas, do que tamén se convocou a liña específica dirixida ao rural, a Xunta porá este ano 9 millóns de euros a disposición de iniciativas de emprendemento e de creación ou consolidación de empresas, para facilitar o desenvolvemento de 200 proxectos que mobilizarán máis de 24 millóns de euros cunha previsión de creación de 700 empregos.

Mediante dúas convocatorias sucesivas neste ano, os novos emprendedores ou autónomos interesados poderán impulsar investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas que poden cubrir o 30% no caso das pequenas empresas e o 20% para medianas compañías. O programa, cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, está deseñado para apoiar a posta en marcha de proxectos de nova creación ou a consolidación, durante os primeiros 42 meses de funcionamento.

Como apuntou Cividanes na súa visita, a Xunta, a través do programa Galicia Emprende, ademais da consolidación de empresas novas, apoia a creación e as iniciativas de emprendemento, como a da clínica carballesa, que aposta pola innovación técnica e tecnolóxica.

O centro dental Nordés, especializado en odontoloxía avanzada, estética e saúde bucodental, abriu as súas portas en 2018, despois de formar parte dos 22 proxectos acelerados na terceira edición do espazo da Costa da Morte, no que os dous promotores da clínica recibiron asesoramento á medida e formación especializada para desenvolver a súa iniciativa empresarial.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios