A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará nos próximos días unha nova convocatoria do Galicia Emprende. Esta iniciativa, da que xa se convocou una liña específica dirixida ao rural, achegará en total axudas por valor de 9 millóns de euros a 200 proxectos de autónomos e emprendedores para mobilizar investimentos que superarán os 24 millóns de euros. A Xunta reforza os apoios, que o ano pasado rozaron os 7M€ en 159 iniciativas.
Esta medida para impulsar o emprendemento, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ten como obxectivo estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e fortalecemento de novas pemes. Así, a través dos investimentos apoiados, a presente edición prevé a creación e mantemento de 700 postos de traballo, dos que polo menos 200 serán específicos no ámbito rural.
Os novos emprendedores ou autónomos interesados en solicitar as axudas poderán facelo en calquera das dúas edicións que, de xeito sucesivo, se activarán durante este ano –a convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia o 17 de abril e as solicitudes poderán presentarse ata o 27 de xuño na primeira edición e do 28 de xuño ao 18 de outubro, na segunda- para facilitar a elaboración, a presentación e a execución dos proxectos de investimento, e ás que se poden acoller proxectos promovidos en Galicia, tanto de nova creación como de consolidación de empresas durante os seus primeiros 42 meses de funcionamento.
O importe dos investimentos apoiados está comprendido entre os 25.000 e os 500.000 euros e as axudas concedidas poderán cubrir ata o 30% deles no caso das pequenas empresas e ata o 20%, no das medianas.
Este ano o Goberno galego incrementa os seus apoios ao emprendemento a través do Galicia Emprende destinando un 28% máis de orzamento para achegar apoios por valor de 9 millóns de euros -se se ten en conta a liña específica adicional para proxectos no eido rural que busca a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio-.
En 2018, ao abeiro de todas as convocatorias deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsou 159 proxectos empresariais de emprendedores e autónomos, coa concesión de axudas por importe de 7 millóns de euros. Os investimentos empresariais mobilizados, cun importe medio por proxecto de máis de 100.500 euros, acadaron os 16 millóns de euros. A previsión de creación e mantemento de emprego asociada aos investimentos apoiados acada os 387 postos de traballo.
Os proxectos aprobados nas convocatorias do pasado ano abranguen, entre outras, actividades do sector industrial, como fabricación de maquinaria para a industria metalúrxica, a industria do pan e repostaría ou a elaboración de viños; e actividades de servizos relacionadas coa fisioterapia e a podoloxía, a enxeñaría, as artes gráficas, o comercio, a restauración e o turismo, e os servizos médicos.
O Galicia Emprende forma parte da aposta da Xunta polo impulso e a consolidación de proxectos empresariais, que, a través da plataforma StartIN Galicia, ofrece apoio integral ao emprendemento en todo o territorio. Ademais destes programas, a plataforma desenvolve iniciativas como as business factories dos sectores de automoción, aeronáutico e alimentación, a rede de espazos coworking e as demais aceleradoras que están tamén en marcha: ViaGalicia, Connecting for Good Galicia e Galicia Open Future.