Mércores, 03 Abril 2019 12:20

Emprendedores de Ourense recibirán formación e asesoramento especializado para impulsar 16 novos proxectos empresariais

A segunda edición do coworking impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a EOI comeza a súa actividade en San Cibrao das Viñas, onde se acelerarán iniciativas de sectores moi diversos como o da madeira-forestal, agroalimentación ou o dos servizos. Están tamén en marcha os espazos de emprendemento de Celanova e Terras de Limia, A Mariña, Santiago, Ferrolterra, Costa da Morte, Ribeira Sacra e O Salnés.

San Cibrao das Viñas (Ourense), 3 de abril de 2019.- O espazo coworking impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI) en San Cibrao das Viñas vén de comezar a actividade da súa segunda edición, na que os promotores de 16 iniciativas emprendedoras recibirán formación, asesoramento e titoría durante os vindeiros cinco meses para acelerar a posta en marcha dos seus proxectos empresariais.

As actividades dos 19 emprendedores que participan na aceleradora abranguen sectores produtivos variados como o da madeira-forestal, o da agroalimentación ou o dos servizos. Inclúen ademais propostas innovadoras como unha granxa dedicada a cría de caracois, un obradoiro de ebanistería contemporánea, unha empresa de servizos forestais, ou un proxecto de enxeñería baseado nas enerxías renovables.

Esta aceleradora forma parte da rede de espazos coworking creados para contribuír a dinamizar a economía e o emprego dos concellos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades de emprego e fixar poboación. Na actualidade están en marcha os espazos emprendedores da Mariña lucense, Santiago, Ferrolterra, Celanova e Terras de Limia, Costa da Morte, Ribeira Sacra e O Salnés.

A rede forma parte da plataforma StartIN Galicia, dentro da cal se desenvolven iniciativas como as dos sectores de automoción, aeronáutico, biotecnolóxico e alimentación, e aceleradoras como Vía Galicia, Connecting for Good Galicia e Galicia Open Future, ademais de Agrobiotech.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios