Actualidade

A nova convocatoria facilitará o impulso tecnolóxico, a innovación e a captación de novas empresas mediante o fortalecemento das agrupacións sectoriais. As entidades desenvolverán plans de formación e actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo galego, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros. Apóstase así polos clústeres como pancas para consolidar o tecido empresarial a través da Industria 4.0.

A Xunta, a través do director do Igape, Juan Cividanes, recolle en Bruxelas o galardón que destaca o traballo realizado pola aceleradora da automoción, na que tamén participan PSA, Ceaga e o Consorcio Zona Franca. Os Eurada Awards teñen como obxectivo dar a coñecer a nivel internacional iniciativas novidosas de emprendemento que fomenten o crecemento económico e tecnolóxico. A Business Factory Auto, que celebra a súa terceira edición coa participación de 20 proxectos, é a primeira entidade galega en acadar este recoñecemento.

O director do Igape, Juan Cividanes, deu a coñecer esta mañá a ferramenta que permite ás pemes saber de xeito personalizado o impacto da saída do Reino Unido da Unión Europea na súa actividade diaria. O obxectivo é contribuír a planificar e elaborar plans de continxencia para converter o novo escenario económico nunha oportunidade. Esta iniciativa complementa a posta en marcha dos servizos de asesoría en Santiago de Compostela e en Londres que atenderán as consultas das compañías galegas.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á presentación da Business Factory Food, promovida pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A iniciativa contará con tres edicións -a primeira manterá aberto o prazo de solicitude ata o 16 de maio- nas que se pretende impulsar 26 proxectos que xerarán 60 empregos. O sector agroalimentario representa máis do 7% do PIB da economía galega e foi a terceira industria en volume de exportacións en 2018. 

Feijóo salienta que contará cun orzamento de 100M€ e prevé mobilizar preto de 300M€ a través de instrumentos financeiros. Di que incorpora varias novidades como o novo programa de préstamos para proxectos estratéxicos destinados a iniciativas de entre 1,5 e 10M€ ou a incorporación dunha liña destinada ao turismo, IFI Tur.