Actualidade

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na Cidade da Cultura no acto de constitución do Clúster da Función Loxística de Galicia. Esta nova agrupación empresarial nace da cooperación entre axentes e empresas destacadas na loxística galega e a Consellería de Economía, Emprego e Industria. A organización, o abastecemento e o transporte de mercancías representa o 3,9% do PIB galego e emprega a preto de 50.000 persoas na nosa Comunidade.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Cividanes interviñeron esta mañá na presentación do Plan estratéxico de I+D+i dos medianos e pequenos estaleiros realizado pola Fundación Soermar. A directora de Gain apuntou que a Xunta seguirá apoiando este sector estratéxico da nosa economía impulsando medidas que incrementen a súa competitividade, a través do aumento da súa intensidade tecnolóxica, diversificación, especialización e innovación. O director do Igape destacou algunhas das medidas que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da Axenda 4.0, que impulsa a implantación da industria conectada e a fábrica intelixente en Galicia.

A Xunta impulsa os proxectos liderados polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que funcionarán como unha xanela única na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento ofertan ao tecido empresarial. Este novo modelo de colaboración permitirá ás pequenas e medianas empresas acceder a novos servizos, co obxectivo de facilitar a súa competitividade a través da dixitalización. As iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. Estes dous polos de innovación centraranse en tecnoloxías punteiras como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos, a ciberseguridade ou a computación na nube. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada Hub para a súa constitución, así como asesoramento para a súa axeitada articulación. Contarán con infraestruturas tecnolóxicas grazas á convocatoria de espazos industriais compartidos (fab labs) na que traballa o Igape, á que se prevé destinar 16 millóns de euros a executar ata 2022.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe na Cidade da Cultura á entrega da terceira edición dos Premios Industria 4.0. Resultaron galardoados seis proxectos, liderados por outros tantos clústeres e coa participación de medio centenar de empresas, relacionados con sectores estratéxicos de Galicia como a automoción, o naval, o aeronáutico, o alimentario, a madeira ou a pedra natural.

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria da liña de axudas para as agrupacións sectoriais, dotada con 2,5 millóns de euros. A iniciativa facilitará o impulso tecnolóxico e a captación de novas empresas mediante o fortalecemento dos clústeres. Desenvolverán plans de formación e actividades de fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo.