O director do Instituto, Javier Aguilera, participou na apertura da xornada técnica “Como dirixir persoas hoxe?” organizada conxuntamente por APD e o Igape no marco do proxecto Capacita Directivos. Subliña que as pemes deben apostar pola constitución de equipos directivos capaces de definir e aplicar estratexias a medio e longo prazo.
O director do Instituto, Javier Aguilera, visitou esta tarde en Vigo as instalacións de Comercial Goberna, onde salientou o valor da cooperación público-privada, da Xunta e Asemaco, para dinamizar a actividade económica e o emprego neste sector. Ata o próximo 15 de outubro está aberto o prazo de solicitudes para acollerse ás axudas, que contan cun orzamento total de 2,8 millóns de euros. Este programa apoia ás familias na reforma e mellora destes espazos, impulsando a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción.
O director do Instituto, Javier Aguilera, reuniuse cunha delegación de importadores de China e Hong Kong que visitan estes días Galicia, nunha misión coordinada por Clusaga. Sinalou a importancia deste tipo de encontros, apoiados polo Igape a través do programa Galicia Exporta, para reforzar lazos de colaboración que impulsen as relacións económicas con eses potentes mercados. Destacou que a Xunta concedeu este ano, a través do programa Galicia Exporta, axudas por importe de case 6 millóns de euros para apoiar a internacionalización de preto de 400 empresas, tanto mediante proxectos individualizados como accións colectivas.
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro cos seleccionados na aceleradora de emprendemento activada na sede do CIS Galicia, que promoven proxectos relacionados coa fabricación de circuítos impresos ou a prestación de servizos tecnolóxicos en ámbitos como os drons ou a fibra óptica. O programa dos espazos coworking, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, desenvólvese no marco dun acordo de colaboración entre a Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI). Os obxectivos principais son fomentar o emprendemento sobre o territorio e incrementar as posibilidades de éxito dos novos proxectos empresariais.
O director do Igape, Javier Aguilera, salienta a valoración preferente dos proxectos industriais, especialmente os vinculados aos obxectivos da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3. O novo programa de préstamos, que vén de publicarse no DOG, poderá financiar tanto novos investimentos como actuacións de diversificación e mellora. Contribuirá ao financiamento de proxectos desde 70.000 euros mediante préstamos a partir de 49.000 euros, con xuros fixos baseados no euríbor máis un diferencial que será do 0,10% para tramos garantidos por unha Sociedade de Garantía Recíproca ou con aval bancario.