Tuesday, 27 September 2016 11:13

O Igape salienta que as exportacións a China medraron case un 24% o pasado ano e aposta por traballar para manter a tendencia alcista

O director do Instituto, Javier Aguilera, reuniuse cunha delegación de importadores de China e Hong Kong que visitan estes días Galicia, nunha misión coordinada por Clusaga. Sinalou a importancia deste tipo de encontros, apoiados polo Igape a través do programa Galicia Exporta, para reforzar lazos de colaboración que impulsen as relacións económicas con eses potentes mercados. Destacou que a Xunta concedeu este ano, a través do programa Galicia Exporta, axudas por importe de case 6 millóns de euros para apoiar a internacionalización de preto de 400 empresas, tanto mediante proxectos individualizados como accións colectivas.

Santiago, 27 de setembro de 2016.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera reuniuse esta mañá en Santiago cos integrantes dunha misión comercial inversa integrada por cinco importadores de China e Hong Kong que están a visitar, coordinados polo Clúster Alimentario de Galicia, empresas do sector alimentario e de viños.

Aguilera destacou que o ano pasado exportaron a China 417 empresas galegas, e salientou a importancia das misións comerciais como esta, apoiada mediante o programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, para manter a progresión alcista das exportacións galegas a mercados tan importantes como o chino, que medraron case un 24% durante 2015, cando superaron os 220 millóns de euros.

Os importadores procedentes de China e Hong Kong están a visitar durante estes días empresas lácteas e de queixos, de viños, de peixe, de froitos secos e de produtos hortofrutícolas en xeral, no marco dunha misión na que tamén colabora o Consorcio Primex denominado Shanghai Galicia Bussines Center Consulting, tamén apoiado polo Igape e actualmente integrado por Feiraco, Martín Códax, Kiwi Atlántico e Innolact.

Nun encontro que os representantes chinos aproveitaron tamén para facer unha presentación da Nova Ruta da Seda que está a promocionar o Goberno chinés, Aguilera destacou a importancia de impulsar iniciativas que permitan ao tecido empresarial galego aproveitar, de acordo co Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, novas oportunidades de negocio en mercados estranxeiros tan importantes como os do sueste asiático, potenciando as pontes de colaboración xa existentes e tendendo outras para ampliar as relacións económicas entre Galicia e China e Hong Kong.

Segundo destacou o director do Igape, o esforzo das empresas galegas, xunto coa súa aposta pola cooperación ao abeiro de proxectos que agrupan a colectivos de empresas con intereses complementarios, contando co firme apoio da Xunta de Galicia, está a facer posible o constante crecemento das exportacións. Así, e despois de acadar un novo máximo histórico en 2015, as exportacións galegas seguen a medrar no que vai de ano, cun incremento de preto do 4% ata o pasado mes de xullo, engadiu.

A través de programas como o Galicia Exporta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aposta por que as empresas galegas sigan a ampliar os seus mercados exteriores. De feito, este ano o Igape concedeu a través deste programa axudas por preto de 6 millóns de euros para apoiar a internacionalización de preto de 400 pemes, tanto mediante iniciativas individuais como mediante accións agrupadas baixo a coordinación de 26 clústers –como Clusaga– e asociacións empresariais dos principais sectores estratéxicos. Os proxectos de promoción exterior apoiados prevén accións orientadas cara a máis dun cento de mercados de todo o mundo.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments