A Coruña, 21 de setembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, participou esta tarde nunha xornada técnica destinada a achegar aos empresarios coruñeses información detallada sobre a nova liña de préstamos directos que vén de publicarse no DOG para financiar investimentos das pemes, especialmente das industriais.
No encontro desenvolvido na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, Aguilera salientou que, ademais da viabilidade dos proxectos, avaliarase especialmente o seu carácter industrial e a súa relación coas actuacións innovadoras promovidas pola Xunta en base á Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e á Estratexia de Especialización Intelixente RIS3.
Con estes préstamos directos do Igape, as pequenas e medianas empresas poderán financiar tanto os investimentos destinados á creación de novas instalacións produtivas en Galicia como os centrados en actuacións de diversificación ou mellora substancial nos procesos industriais xa en marcha.
Esta nova liña de préstamos publicouse no DOG o pasado 9 de setembro, e poderá financiar investimentos das pemes a partir de 70.000 euros mediante a concesión de préstamos a partir de 49.000 euros. Os prazos de amortización serán de ata 11 anos, incluíndo un de carencia. Os xuros dos préstamos serán fixos e determinaranse sumándolle ao euríbor vixente un diferencial que dependerá da contía da operación e das garantías incorporadas. Para os tramos do préstamo garantidos mediante aval bancario ou dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR), este diferencial será do 0,10%.
No encontro celebrado na Coruña, responsables do Igape achegaron tamén información sobre os préstamos bonificados ou avalados para apoiar os investimentos ou o normal funcionamento das empresas. Ademais, un representante da SGR Afigal participou cun relatorio sobre o acceso ao financiamento das pemes.