O director do Igape, Javier Aguilera, clausurou hoxe en Santiago o programa de formación previa dos 98 bolseiros seleccionados, que agora comezarán a incorporarse a compañías e entidades que facilitan servizos de mellora competitiva a pequenas e medianas empresas. O 56% dos titulados que participaron nas anteriores convocatorias acabaron incorporándose ao mercado laboral de xeito inmediato á conclusión da súa bolsa. As bolsas do programa ReAcciona, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrecen aos beneficiarios formación previa especializada antes e despois do período de prácticas dun ano de duración en empresas ou entidades colaboradoras da Unidade Galicia Emprende.
O director do Igape, Javier Aguilera, salienta a importancia dos apoios aos que as pemes poderán acceder a través do programa ReAcciona-TIC durante a súa intervención na xornada “Claves para a transformación dixital da empresa”. Destaca a promoción de investimentos 4.0, ao abeiro da liña para apoiar a fábrica intelixente, e as axudas á formación neste mesmo eido, así como outros programas en marcha para impulsar a reinvención do tecido empresarial galego.
O director do Igape, Javier Aguilera, participou na apertura do encontro empresarial coa plataforma da rede Pexga nun mercado ao que exportaron 417 empresas galegas o ano pasado. Salienta o potencial deste país como destino comercial para que as compañías galegas poidan seguir incrementando as vendas de servizos e produtos de calidade.
O Igape e a Amtega organizan conxuntamente os encontros informativos que se desenvolverán, entre o 15 e o 24 de novembro, nas cidades de Santiago, Ourense, A Coruña, Lugo e Vigo para informar sobre as vantaxes dos servizos deste programa para enfrontar os retos da transformación dixital e a industria 4.0. O Reacciona TIC está destinada a facilitarlles ás empresas beneficiarias a adquisición de competencias e a incorporación de tecnoloxías quelles permitan incrementar a súa competitividade. A primeira convocatoria está aberta á presentación de solicitudes, a través da web do Igape, desde o pasado 31 de outubro, e irá seguida doutras tres en decembro deste ano e en xaneiro e marzo de 2017.
O director do Igape, Javier Aguilera, inaugurou en Chantada as Xornadas de internacionalización Galicia-Colombia organizadas pola Asociación de Adegueiros e Transformadores do Miño co apoio do programa Galicia Exporta. Aguilera destaca a recoñecida calidade dos viños galegos e subliña que as exportacións de bebidas a Colombia creceron máis dun 8% no que vai de ano.