O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na inauguración das instalacións do Workshop Contract, un espazo innovador único en España creado por unha decena de empresas. A plataforma dá aceso aos profesionais do sector e da arquitectura ás innovacións técnicas e de materiais no equipamento de edificios colectivos ao tempo que ofrece un espazo de formación e xeración de ideas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Estratexia de internacionalización, reforza os esforzos de proxección exterior das pemes do sector. Nos primeiros nove meses do ano as vendas de Galicia ao estranxeiro incrementáronse nun 7,6% fronte ao 3,2% da media estatal.
Representantes do Igape e da Cámara de Comercio da Coruña presentan ás empresas galegas a convocatoria de participación na Feira Expo Antad & Alimentaria que se celebrará en México en marzo de 2019, e na que Galicia contará cun pavillón no que tamén estarán presentes Anfaco e os Consellos Reguladores das D.O. Ribeiro e Rías Baixas. O obxectivo é reforzar a posición dos produtos galegos e apoiar as empresas galegas que están á procura de oportunidades comerciais nese país. A misión conxunta estará financiada ao 90% polo Plan de fomento das exportacións galegas (Foexga) que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria. En 2017 o volume de exportacións ao país centroamericano superou os 400 millóns de euros, situándoo no posto número trece no total das vendas galegas ao exterior.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede apoios a través do Galicia Exporta Empresas por preto de 5 millóns de euros para desenvolver iniciativas de promoción exterior, un 49% máis ca na convocatoria anterior. A alimentación, o TIC, o téxtil, os servizos, a madeira-moble ou a maquinaria son algúns dos sectores beneficiados por estas actuacións, que inclúen a difusión, promoción e a prospección nos mercados internacionais. Este programa compleméntase co Galicia Exporta Organismos Intermedios, enmarcado tamén na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que promove as exportacións como motor de emprego e crecemento empresarial. O próximo mes de xaneiro abrirase a seguinte convocatoria de solicitude de axudas para levar a cabo accións durante 2019 e a primeira metade de 2020.
Representantes do Igape reuníronse cunha delegación de empresarios do sector téxtil deste país, que visitan estes días Galicia co obxectivo de ampliar as relacións económicas. A misión empresarial amosou o seu interese pola Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Ata agosto deste ano, o volume de exportacións das empresas galegas a Brasil acadou os 90,4 millóns de euros, un 18,5% máis que en todo 2017. Medran tamén as vendas ao exterior do sector da moda galego a este mercado, que se incrementan nun 117,5% e superan os 11,5 millóns de euros.
O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Vigo na presentación dos encontros empresariais O papel humano na Industria 4.0, onde subliñou o compromiso da Administración autonómica coa formación 4.0 mediante o programa Capacita Directivos, que ten realizado máis de 40 accións nas que participaron máis de 5700 asistentes desde a súa posta en marcha. Á xornada, organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e o Círculo Financeiro de Galicia, séguelle mañá outra na Coruña dirixida tamén a impulsar a profesionalización das pemes.