Actualidade

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta tarde na entrega dos Premios Xove Empresario e Xove Emprendedor organizados por AJE Vigo. A Xunta fomenta o emprendemento innovador mediante programas como o Galicia Emprende e a plataforma StartIN na que se enmarcan os espazos coworking e a rede de aceleradoras.

O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá en Santiago de Compostela na presentación do Informe Executivo, que avalía a evolución do emprendemento na Comunidade Autónoma e que indica que os novos empresarios buscan a innovación e a internacionalización das súas compañías. O Goberno galego coordina un marco integral de apoios que suma asesoramento para o deseño de proxectos e axudas para a creación, a consolidación e a proxección exterior das novas empresas.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por 1,2 millóns de euros para apoiar a creación de novas empresas ou a consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento. Os proxectos aprobados contemplan a creación e mantemento de 110 empregos e abranguen actividades tanto do sector industrial como dos servizos. O Galicia Emprende regula apoios directos para a posta en marcha ou a consolidación temperá de negocios impulsados por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego.

O titular da Xunta presidiu o acto de celebración do 25 aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica. Precisa que para dar un novo impulso á Industria 4.0 se destinarán en 2019, 40 millóns para que as empresas poidan investir en dixitalización e para convocar o Programa fábrica intelixente. No eido do financiamento, destinaranse 60 millóns para financiar investimentos empresariais e axudar a que o tecido empresarial galego gañe tamaño. Resalta que ao longo destes 25 anos o Igape axudou a máis de 81.000 empresas, que mobilizaron en total preto de 14.000 millóns de euros. Agradece o traballo dos profesionais deste instituto, dos membros do seu Consello de Dirección, de Xesgalicia e dos antigos directores; cunha mención especial para José Antonio Orza.

O director do Igape, Juan Cividanes, presentou os resultados das exportacións galegas nos primeiros nove meses do ano, nos que medraron un 7,65% con respecto ao mesmo período de 2017. Subliñou o compromiso da Consellería de Economía, Emprego e Industria no apoio ás pemes galegas para a súa consolidación exterior nos mercados tradicionais europeos e na súa proxección nos asiáticos. Desde xaneiro ata setembro de 2018, un total de 6.100 compañías galegas venderon os seus produtos no exterior, o que supón un incremento do 6,7% con respecto ao mesmo período de 2017.