Santiago de Compostela, 9 de maio de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou esta mañá na Cidade da Cultura no acto de creación do Clúster da Función Loxística de Galicia que nace froito do esforzo promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e axentes e empresas relevantes do sector, entre os que se inclúen Kaleido, Gadisa, Trotansa, Ence, Finsa, Hijos de Rivera, Delta Vigo e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía.
Cividanes salientou como a organización da provisión e o transporte de mercancías afronta na actualidade unha revolución impulsada polo proceso de globalización e internacionalización da economía, así como pola irrupción das tecnoloxías emerxentes. Esta transformación do sector precisa dunha resposta coordinada na que os sistemas loxísticos sexan capaces de anticiparse e adaptarse ás novas tendencias globais.
Neste sentido, fixo fincapé en que a Axenda Industria 4.0 inclúe entre as medidas a desenvolver a coordinación dun esquema integrado e único de infraestruturas, coa finalidade de facer de Galicia unha plataforma loxística atractiva. Este é o obxectivo da Estratexia de Optimización Loxística de Galicia que está a deseñar o Goberno galego, ao abeiro da que nace a agrupación sectorial que hoxe se presentou. O director do Igape destacou a importancia da constitución dun clúster nun sector que é clave para impulsar a competitividade territorial e industrial de Galicia, así como a relevancia de que participen todos os actores do tecido industrial e do transporte para facer a estrutura loxística galega competitiva a nivel global.
Ademais, lembrou o papel activo dos clústeres como dinamizadores da actividade económica e como pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores. Deste xeito, a Xunta vén de activar unha liña de axudas dotada con 2,5 millóns de euros para reforzar estes organismos intermedios como potenciadores da competitividade e a innovación das pemes galegas, que complementa outros apoios de promoción de iniciativas xestionadas por estas organizacións, como os Proxectos Industria 4.0 ou diferentes programas de fomento da internacionalización.
O Clúster da Función Loxística de Galicia ten como reto apostar pola optimización na organización da provisión e o transporte de mercancías para permitir desenvolver o potencial dun sector que representa o 3,9% do PIB, emprega a preto de 50.000 persoas e no que operan preto de 12.000 empresas, segundo os últimos datos elaborados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).