Vigo, 8 de maio de 2019.- A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director do Igape, Juan Cividanes, interviñeron esta mañá en Vigo no acto de presentación en Galicia do Plan estratéxico de I+D+i dos medianos e pequenos estaleiros. Visión 2030, realizado pola Fundación Soermar en colaboración co sector.
Argerey lembrou na súa intervención o bo momento no que se atopa o sector en Galicia, que en 2018 acadou o maior volume de actividade da última década e acaparou preto do 50% dos pedidos de todo o Estado. Patricia Argerey atribuíu estas boas cifras a que contamos cunha industria que aporta valor engadido e que se diferencia da competencia pola tecnoloxía e o deseño e animou ao sector a seguir nesta liña para continuar avanzando cara o Estaleiro do Futuro.
A directora de Gain felicitou a Soermar polo importante esforzo de identificación dos retos e prioridades do sector co horizonte posto no ano 2030 baixo un enfoque de especialización intelixente, unha premisa que comparte Galicia no deseño da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3).
Precisamente, o sector naval atópase entre os sectores estratéxicos priorizados na RIS3 de Galicia que aspira a incrementar a súa competitividade a través dun aumento da súa intensidade tecnolóxica, a súa diversificación, a súa especialización e a innovación en materia de procesos e produtos. Para avanzar un paso máis nesa especialización, dende a Xunta estanse a impulsar os Hubs de Innovación Dixital, que estarán centrados en achegar as tecnoloxías asociadas á Fábrica do Futuro ás pemes, como o Internet das Cousas, a intelixencia artificial, o Big Data, a computación avanzada ou a ciberseguridade. A cadea de valor do sector naval está incluída no Hub liderado por CEAGA, no que participan o Clúster do Naval de Galicia (Aclunaga) e empresas como Navantia, Barreras, Freire, Reparaciones Generales Navales.
Por último, Argerey lembrou outras medidas de apoio do seu departamento que están a disposición do sector como as axudas do programa Fábrica Intelixente, orientadas a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras; as Unidades Mixtas de Investigación; axudas a proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental en cooperación entre pemes; axudas para o fortalecemento da capacidade innovadora das pemes; a Compra Pública Innovadora (CPI); o Programa de Deseño para a Innovación 2020, que pretende impulsar o deseño industrial como unha forma de innovación non tecnolóxica; o fortelecemento dos centros de coñecemento para potenciar a transferencia de tecnoloxía ás empresas; e os programas de apoio ao talento e a formación.
Pola súa banda, o director do Igape, Juan Cividanes, destacou algunhas das medidas que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da Axenda 4.0, que impulsa a implantación da industria conectada e a fábrica intelixente en Galicia. Así, lembrou os Proxectos Industria 4.0, que acadan xa a súa terceira edición, e que son boa mostra de que a colaboración público-privada pode dar resposta aos retos tecnolóxicos do tecido produtivo galego.
Ademais, recordou que este ano se destinarán 5 millóns de euros a impulsar proxectos colectivos e investimentos en dixitalización nas pemes mediante os cursos e axudas ao desenvolvemento dixital, nos que teñen prioridade os proxectos colectivos.
Cividanes salientou que o Goberno galego está traballando no deseño das bases reguladoras dunha nova liña de apoios para espazos industriais compartidos, impulsada polo Igape logo de realizar unha consulta entre o tecido produtivo galego para coñecer a demanda que teñen este tipo de axudas e á que se presentaron 26 manifestacións de interese. O orzamento previsto para esta iniciativa é de 16 millóns de euros a executar ata 2022.