Actualidade

O director do Igape, Javier Aguilera, participou na xornada sobre Empresas intelixentes e xestión enerxética organizada ao abeiro do Proxecto Entic. No marco desta iniciativa, desenvolveuse unha aplicación web coa que as empresas poden realizar un autodiagnóstico sobre o seu consumo enerxético. O proxecto de cooperación transfronteiriza servirá para apoiar a transición das pemes cara a modelos enerxéticos sostibles baseados nas TIC, estimulando novas oportunidades de negocio e emprego.

 O director xeral do Igape, Javier Aguilera, salientou que a cooperación entre Xesgalicia e a Empresa Nacional de Innovación está conseguindo captar financiamento para proxectos de emprendedores e de Pemes de Galicia. Aguilera Navarro inaugurou unha xornada técnica sobre as liñas de financiamento de Enisa e do Igape, onde salientou os préstamos Jeremie habilitados polo Instituto. O convenio de colaboración con Enisa facilitou o coinvestimento de Xesgalicia en media ducia dos proxectos aprobados polo de agora.

Os directores do Igape, Javier Aguilera, e de Xesgalicia, Juan Cividanes, participaron está mañá nunha reunión de traballo para avanzar na articulación da Rede galega de investidores privados impulsada pola Xunta no marco da Lei do Emprendemento. A rede facilitará a confluencia de capital público e privado para dinamizar a posta en marcha e a consolidación de novas empresas.

Lugo, 29 de outubro de 2014.- Os directores do Igape, Javier Aguilera, e de Xesgalicia, Juan Cividanes, participaron hoxe en Lugo nun encontro de traballo destinado a promover a incorporación de profesionais e empresarios da provincia á futura Rede galega de investidores privados que se está a articular ao abeiro da Lei do Emprendemento de Galicia.

A reunión de hoxe, que reuniu a preto de trinta potenciais investidores, serviu para avanzar no tecido dunha rede galega de business angels chamada a participar, xunto cos instrumentos públicos e privados existentes, no financiamento de novos proxectos emprendedores. A reunión dá continuidade ás xa desenvolvidas, con esta mesma finalidade, na Coruña, en Vigo e en Ferrol.

O obxectivo da Rede galega de investidores privados é facilitar a posta en común de recursos financeiros e proxectos empresariais. Durante a xornada de traballo desenvolvida hoxe en Lugo tamén se presentaron os Foros de Investimento que se van celebrar proximamente para facilitar o financiamento de proxectos concretos, foros aos que estarán convidados a participar todos os investidores inscritos previamente na Rede.

No encontro, o director do Igape salientou a Unidade Galicia Emprende como o instrumento que aglutina e coordina todos os servizos e liñas de axuda para apoiar a posta en marcha e a consolidación de novos proxectos empresariais. A Unidade facilita información e asesoramento e orienta a cada emprendedor cara aos servizos de apoio ou as fontes de financiamento máis axeitadas en cada caso, entre elas a futura Rede galega de investidores.

Os directores do Igape e Xesgalicia subliñaron tamén instrumentos de financiamento como o fondo Galicia Emprende, especialmente destinado a apoiar a posta en marcha de novos proxectos emprendedores, procurando ao mesmo tempo a confluencia de capital privado coordinado a través da rede de investidores privados que se está a articular.

O desenvolvemento da Lei galega de emprendemento está servindo ademais, entre outros aspectos, para impulsar a través do Igape o reforzamento da Rede galega de mentores, integrando a xestores expertos que colaboran de modo altruísta para asegurar o crecemento das novas empresas, e a creación dunha rede de viveiros para facer posible que emprendedores que o precisen atopen un aloxamento inicial axeitado coas súas necesidades.

 O Igape organizou, en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia e coa Federación de Empresarios do Barbanza, un encontro con empresarios locais centrado nos plans da Xunta para acelerar as exportacións. O Instituto coordina, mediante unha xanela única, todos os instrumentos de apoio dispoñibles para procurar que as exportacións das empresas galegas sigan medrando ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro de traballo con responsables das DGs de Empresa e Industria e de I+D da Comisión Europea para afondar no coñecemento das oportunidades de financiamento comunitario para as empresas deica 2020. No encontro participaron tamén responsables da axencia executiva da CE para as Pemes (EASME), encargada de moitos dos instrumentos europeos para a dinamización da actividade empresarial, e xestores do programa Horizon 2020.