Boiro (A Coruña), 22 de outubro de 2014.- A secretaria xeral do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Boiro nun encontro de traballo con empresarios do Barbanza co obxectivo de facilitarlles información directa sobre os instrumentos que a entidade adscrita á Consellería de Economía e Industria pon ao seu dispor para impulsar a saída de produtos ou servizos galegos cara mercados exteriores.
Durante este encontro organizado polo Igape en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e coa Federación de Empresarios do Barbanza, Covadonga Toca presentou ademais as liñas xerais da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais e coa que aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.
Entre os instrumentos recollidos na estratexia de internacionalización do tecido empresarial galego destacan iniciativas como a xanela única para facilitar o acceso das empresas aos servizos e os apoios que precisen segundo a fase concreta de internacionalización na que se atopen.
Como vía para sacar ó máximo partido dos recursos dispoñibles, a secretaría xeral do Igape destacou a necesidade de optimizar a coordinación de esforzos con todas as organizacións de carácter empresarial que operan en Galicia no ámbito da internacionalización. Nesa liña, salientou que a Xunta seguirá apostando pola cooperación entre empresas mediante proxectos colectivos como os consorcios de exportación ou as iniciativas apoiadas no marco de programas como o Primex.
No encontro celebrado en Boiro participaron representantes das empresas A Poutada, Confecciones Hortensia ou Gaínza Consulting, entre outras. Participou igualmente o vicesecretario da Federación de Empresarios do Barbanza, Javier González.
O encontro forma parte do ciclo de xornadas técnicas sobre internacionalización promovidas polo Igape en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia e con diversas asociacións ou entidades empresariais comarcais, co obxectivo de facilitar a familiarización dos empresarios coas claves do comercio exterior e cos servizos e apoios públicos aos proxectos de internacionalización. Ao encontro de hoxe seguirán novas xornadas que se celebrarán en Foz, Vilagarcía e Ferrol.