Santiago, 6 de novembro de 2014.- A colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, a través de Xesgalicia, e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA) facilitou durante os dous últimos anos a achega de financiamento para os investimentos de preto de 60 novas empresas ou pemes galegas, segundo salientou o director xeral do Igape, Javier Aguilera, na apertura dunha xornada para empresarios desenvolvida hoxe en Santiago.
O marco de cooperación entre as dúas entidades está a propiciar a captación de financiamento para o tecido empresarial galego, a partir das visitas a empresas realizadas conxuntamente por técnicos e responsables de Enisa e de Xesgalicia, que aprobou cofinanciar media ducia de proxectos e que está avaliando participar no financiamento doutros nove.
O director xeral do Igape destacou que esta vía de financiamento, mediante préstamos ou préstamos participativos, vén sumarse ás liñas de apoio habilitadas polo Igape a través do programa Galicia 1000, que inclúe os préstamos directos Jeremie-Igape e os microcréditos e os préstamos bancarios, con fondos ICO, bonificados polo Instituto.
Javier Aguilera adiantou tamén que, de cara ao próximo ano, o Igape ofrecerá un completo abano de servizos e axudas para facilitar os investimentos –mediante préstamos ou axudas directas– de empresas e emprendedores, e para promover a mellora da competitividade e a internacionalización das Pemes.
No marco desta xornada técnica, un representante de Enisa informou polo miúdo sobre os criterios de avaliación para acceder ás liñas de axuda e préstamos participativos desta sociedade. Pola súa parte, un representante do Igape detallou as liñas de axuda que conforman o programa Galicia 1000 no seu conxunto e, especialmente, a liña de préstamos Jeremie-Igape, dotada inicialmente con 8 millóns de euros.
Os préstamos Jeremie-Igape, con prazos de amortización de ata 7 anos cun de carencia e con xuros fixos referenciados ao euríbor, constitúen unha liña pioneira en Galicia. As bonificacións de xuros previstas nas bases da convocatoria publicadas permitirán que os tipos efectivos resultantes poidan estar arredor do 1 por cento.