A Xunta mobilizará 15 millóns de euros en proxectos empresariais mediante os préstamos Jeremie do programa Galicia 1000. As bonificacións previstas nesta nova liña permitirán que os xuros efectivos resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%. Financiarase ata o 70% dos novos investimentos, ampliacións de instalacións ou diversificacións da produción.
O director do Igape, Javier Aguilera, presenta dous novos programas para facilitar a internacionalización das empresas galegas. A liña para a realización de actuacións promocionais organizadas por organismos intermedios no exterior suma 1 millón de euros e fomenta a colaboración como valor seguro para acelerar a proxección exterior das compañías. O Igape apoia un ano máis as estratexias de promoción para o sector téxtil, que constitúe unha das locomotoras das exportacións galegas.Mediante ambos programas, o Instituto financiará actuacións e campañas de difusión no exterior e a participación en eventos e feiras expositivas no estranxeiro.
O conselleiro de Economía e Industria mantivo un encontro cos directores das oficinas en Estados Unidos, México, Colombia, Brasil, Marrocos, Reino Unido, Rusia e China. Resalta que as vendas galegas a outros mercados están a medrar en 2014 por riba do récord histórico de 2013, cando Galicia bateu a súa marca de exportacións, balanza comercial e taxa de cobertura. Apunta como obxectivo para Galicia que as exportacións acaden un peso do 40% sobre o PIB, fronte o 33% actual. Preto de 160 empresas se reuniron con responsables de oficinas Pexga de todo o mundo durante as xornadas “Punto de encontro coas Plataformas da Rede Pexga”.
O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro co director xeral de Promoción Económica canario, Laureano Pérez, e co presidente da Fundación La Caja de Canarias, Blas Trujillo. Aguilera, que explicou as liñas de axuda ao financiamento, á competitividade e á internacionalización, salientou a excepcional acollida que están a ter entre as empresas galegas os servizos de mellora Re-Acciona, un dos programas que máis interese espertou na delegación canaria.
O director do Igape, Javier Aguilera, destaca que as axudas que veñen de aprobarse permiten a creación de máis de 160 empregos en sectores como o alimentario, o comercio ou os servizos. Dentro do forte estímulo ó emprendemento que está a realizar a Consellería de Economía e Industria, os novos empresarios poden acceder tamén a fondos de capital risco e programas de préstamos directos ou con xuros bonificados. A través da Unidade Galicia Emprende achégase aos emprendedores galegos asesoramento especializado para a posta en marcha dos seus proxectos.