Tuesday, 11 November 2014 19:19

Economía e Industria impulsa medidas de eficiencia enerxética baseadas nas TIC para mellorar a competitividade das Pemes

O director do Igape, Javier Aguilera, participou na xornada sobre Empresas intelixentes e xestión enerxética organizada ao abeiro do Proxecto Entic. No marco desta iniciativa, desenvolveuse unha aplicación web coa que as empresas poden realizar un autodiagnóstico sobre o seu consumo enerxético. O proxecto de cooperación transfronteiriza servirá para apoiar a transición das pemes cara a modelos enerxéticos sostibles baseados nas TIC, estimulando novas oportunidades de negocio e emprego.

 

Santiago, 11 de novembro de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a importancia de que as empresas galegas, especialmente as pemes, consigan rebaixar os seus custos en enerxía como vía para mellorar a súa competitividade, durante a súa intervención na xornada sobre Empresas intelixentes e xestión enerxética, organizada ao abeiro do Proxecto de cooperación transfronteiriza Entic que lidera o Igape e no que participa tamén o Inega.

Aguilera destacou que a iniciativa xa serviu para deseñar unha aplicación que permite realizar autodiagnósticos enerxéticos á que poden acceder todas as empresas que se rexistren na web do proxecto, www.entic.eu, que ademais poderán contar con asesoramento personalizado para sacarlle o máximo rendemento e rebaixar así os seus custos enerxéticos.

A formación especializada gratuíta terá especial relevancia no marco do proxecto Entic, que facilitará o desenvolvemento de seis cursos en Galicia e Norte de Portugal. O primeiro deles, organizado polo Igape en colaboración co Clúster TIC, terá carácter especialmente práctico e irá dirixido a empresas que desenvolven software orientado á eficiencia enerxética.

Entre outros servizos para impulsar a eficiencia enerxéticas das empresas, o proxecto servirá para habilitar un directorio de empresas que prestan os seus servizos especializados neste ámbito. O proxecto servirá, así, para apoiar a transición das pemes cara a modelos enerxéticos sostibles baseados nas TIC, estimulando ao mesmo tempo novas oportunidades de negocio e emprego neste eido.

O director do Igape subliñou a importancia do aforro e a eficiencia no sector industrial, que representa o 45% do consumo final de enerxía en Galicia. Por este motivo, explicou, a eficiencia enerxética é un dos recursos de aforro económico máis rendibles para incidir na mellora da súa competitividade, ao permitirlles ás empresas obter os mesmos bens con menos consumo, mantendo a mesma ou maior calidade nos servizos prestados e a un prezo inferior.

Para acadar este obxectivo, no proxecto participan, ademais da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e do Inega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a Agência de Energia do Ave (AEdoAVE), o Instituto de Engenharia Mecânica e Gestão Industrial (INEGI), a União das Associações Empresariais da Região Norte (UERN) e a Associação Empresarial de Viana do Castelo (AEVC).

Na xornada de hoxe, ademais de informar sobre a ferramenta de autodiagnóstico enerxético desenvolvida no marco do proxecto, tamén se presentaron catro casos de éxitos de empresas que melloraron a súa competitividade mediante a implantación de medidas de eficiencia enerxética.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments