Wednesday, 22 October 2014 08:36

O Igape avalía en Bruxelas as posibilidades de financiamento comunitario para o tecido empresarial galego

O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro de traballo con responsables das DGs de Empresa e Industria e de I+D da Comisión Europea para afondar no coñecemento das oportunidades de financiamento comunitario para as empresas deica 2020. No encontro participaron tamén responsables da axencia executiva da CE para as Pemes (EASME), encargada de moitos dos instrumentos europeos para a dinamización da actividade empresarial, e xestores do programa Horizon 2020.

Bruxelas, 21 de outubro de 2014.- O director xeral do Igape, Javier Aguilera, mantivo esta tarde un encontro de traballo con responsables das DG de Empresa e Industria e de I+D da Comisión Europea para afondar no coñecemento das diversas posibilidades de financiamento comunitario para as empresas ata 2020.

No encontro, no que tamén estiveron o director da área de Competitividade do Instituto adscrito á Consellería de Economía e Industria, Norberto Penedo, e representantes da Fundación Galicia Europa, participaron responsables das unidades de acceso a mercados, de acceso a financiamento, de política estratéxica e de clusters da DG de Empresa e Industria da Comisión Europea.

Participaron igualmente nesta xuntanza de traballo responsables do programa Horizon 2020, da DG de I+D, e da axencia executiva para as pequenas e medianas empresas (EASME), encargada de moitos dos instrumentos europeos para a promoción da actividade empresarial.

Durante a reunión abordáronse as oportunidades e posibilidades que achega o programa COSME para as empresas galegas, así como o papel a desenvolver polo Igape, como instituto público responsable de facilitar a creación de novas empresas, e de promover a cooperación, a mellora da competitividade e a internacionalización das compañías xa existentes.

COSME é o programa da UE para promover a competitividade das Pemes facilitando o seu acceso a financiamento ¬–mediante a achega de garantías de préstamos e capital–, favorecendo o seu acceso a novos mercados e impulsando a creación e o crecemento de novas empresas. O programa COSME conta cun orzamento de 2.500 millóns de euros ata 2020.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments