Actualidade

A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará, con apoios de ata 2,5M€ e o 60% do investimento, a creación por parte de compañías tractoras de espazos de uso aberto e compartido que poderá utilizar o tecido emprendedor galego. A nova convocatoria, que se enmarca no Plan de reactivación económica, busca que contribúan a desenvolver a base industrial e fomentar a competitividade. Primarase a inclusión destas infraestruturas nos Hubs de innovación dixital galegos, liderados por Ceaga e Bioga e que agrupan máis de 4.200 empresas e entidades. Prestarán servizos que non estean dispoñibles nese ámbito territorial ou aqueles cuxa oferta non se axuste ás necesidades das empresas.

O novo programa ten activados o teléfono gratuíto de información 900 815 151 e o correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. . Para fortalecer e reorganizar os servizos de acompañamento aos colectivos empresariais máis vulnerables ante a situación xerada pola covid-19, refórzase cunha nova convocatoria do ReAcciona. Achegarase orientación sobre as medidas de implantación rápida e apoio impulsadas para a reorganización estratéxica e operativa, o impulso do teletraballo e a innovación dos negocios. Facilítase información sobre as axudas da Administración autonómica dirixidas ao comercio e os sectores industrial e de servizos para garantir a seguridade e potenciar a dixitalización e as vendas no exterior.

O Comité de fabricación de equipamento sanitario e de material para a protección dos traballadores avaliou hoxe estes novas propostas, ás que a Xunta achegará preto de 760.000 euros. As iniciativas céntranse na fabricación de máscaras, pantallas protectoras, biombos, solucións desinfectantes e roupa e accesorios sanitarios, entre outros. En total, sumando esta nova resolución, son xa 28 proxectos aprobados, que van mobilizar preto de 2,7 millóns de euros. As pemes galegas poden tamén optar a un segunda liña de apoios, dotada con 5 millóns de euros, para impulsar a fabricación en Galicia de produtos como medicamentos, tratamentos, test de diagnóstico ou equipos hospitalarios e médicos, entre outros.

O Goberno galego destina 16 millóns de euros ao programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, co que busca facilitar a volta á actividade achegando a máxima confianza aos consumidores. Apoiarase a adquisición de equipos de protección, a adaptación dos espazos, a realización de obras e a posta á disposición de información para os clientes, e as actuacións poden estar xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. As axudas para os establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2 cubrirán o 100% do investimento, ata 1200 euros. Os apoios para os locais de maiores dimensións acadarán o 80% do gasto realizado, cunha axuda máxima de 3000 euros. Para participar é preciso cubrir primeiro o cuestionario da plataforma gratuíta online Comercio Seguro, coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer. 

Hoxe celebrouse a primeira das videoconferencias dun ciclo que afonda nas oportunidades para as exportacións galegas en China, México, Estados Unidos, Marrocos, Perú, Reino Unido, Israel e India. Representantes das oficinas empresariais da Administración autonómica e compañías galegas con implantación neses países informan ás pemes participantes sobre os servizos dispoñibles e ofrecen claves para impulsar ou mellorar as vendas no exterior. Mañá comezan tamén as actividades do programa formativo online gratuíto de apoio á internacionalización dixital dirixido a autónomos e pemes, que ofrecerá oito talleres de formación práctica. A iniciativa forma parte do Plan de dixitalización que vén de activar o Goberno galego e co que se prevén mobilizar 40M€ para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a súa adaptación á actual situación derivada da covid-19.