Luns, 01 Xuño 2020 09:29

A Xunta facilita a reactivación de 27.000 autónomos e pemes do comercio, o turismo, o sector servizos e o transporte a través de axudas que impulsan a instalación de medidas de protección para traballadores e clientes

O Goberno galego destina 16 millóns de euros ao programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, co que busca facilitar a volta á actividade achegando a máxima confianza aos consumidores. Apoiarase a adquisición de equipos de protección, a adaptación dos espazos, a realización de obras e a posta á disposición de información para os clientes, e as actuacións poden estar xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. As axudas para os establecementos de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2 cubrirán o 100% do investimento, ata 1200 euros. Os apoios para os locais de maiores dimensións acadarán o 80% do gasto realizado, cunha axuda máxima de 3000 euros. Para participar é preciso cubrir primeiro o cuestionario da plataforma gratuíta online Comercio Seguro, coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte ás necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer. 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020.- A Xunta destina 16 millóns de euros á nova liña de axudas destinada aos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte para facilitar a súa volta á actividade achegando a máxima confianza aos consumidores no novo contexto económico. Así, tal e como se informou hoxe no Consello da Xunta, o programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros –no que colaboran as consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo; e Infraestruturas e Mobilidade– achegará apoios inmediatos a máis de 27.000 establecementos galegos para que pemes e autónomos poidan instalar medidas de protección para traballadores e clientes. As iniciativas subvencionadas poden ser novas ou estar xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. 

Mediante unha tramitación rápida e sinxela –que inclúe a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos investimentos realizados– poderán solicitar estes apoios autónomos e pemes do sector comercial, turístico, dos servizos e do transporte.

As axudas destinaranse a cubrir os gastos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección. 

En concreto, para os establecementos comerciais achegará axudas directas aos comercios de proximidade e perruquerías de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2 financiando o 100% das medidas activadas, a partir dun mínimo de 300 euros ata un máximo de 1200 euros. Para facilitar a xestión, os solicitantes –ao igual que os potenciais beneficiarios vinculados ao sector servizos– terán a posibilidade de utilizar o Igape Responde, a xanela única de consulta habilitada pola Xunta para asesorar a autónomos e pemes sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial.

Por outra banda, tamén se ofrecerán apoios directos do 80% do investimento a pemes de menos de 50 traballadores, tanto do terceiro sector como do comercio, nas accións de seguridade precisas, desde un mínimo de 1200 euros de investimento ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros. Neste caso, os gastos subvencionables tamén inclúen a formación específica das persoas para aplicar protocolos e prácticas de seguridade adaptados ás normativas e recomendacións sanitarias e os custos relacionados coa obtención de certificacións de garantía de seguridade fronte á covid-19. 

Industria turística

O turismo e a hostalería contarán tamén poderán optar a esta nova iniciativa da Xunta coa que se busca a reactivación da economía galega tras a covid-19. Neste caso en concreto, e no marco do programa Galicia destino seguro, as axudas da Consellería de Turismo e Cultura –que tamén nacen do diálogo e a colaboración cos distintos axentes desta industria– favorecerán a adaptación do sector á nova situación, promocionando a nosa Comunidade como un destino fiable e de calidade. 

En liña co resto de convocatorias, as axudas a establecementos de hostalería e restauración, axencias de viaxes e outros locais turísticos, de menos de 10 traballadores e menos de 300 m2, tamén cubrirán o 100% do investimento, ata 1200 euros desde un mínimo de 300 euros.

Os apoios ás pemes de menos de 50 traballadores acadarán o 80% dos investimentos realizados, desde un mínimo de 1200 euros ata un máximo de 3750, sendo polo tanto a axuda máxima de 3000 euros.

Intégrase no Pacto por un destino seguro, en virtude do cal a Xunta e o sector turístico desenvolverán unha batería de accións en materia de seguridade sanitaria  para mellorar a información, asesoramento e formación das empresas e profesionais. 

Precisamente, no marco desta iniciativa, está previsto habilitar un teléfono de asesoramento que permitirá resolver as dúbidas neste eido formuladas por parte das empresas do sector. Ademais, este luns arrincou un plan de formación en materia de seguridade sanitaria impartido polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) e as entidades sectoriais e provinciais cunha oferta inicial de 50.000 prazas en 500 accións formativas de carácter xeral adaptadas ás especificidades de cada subsector e cada área xeográfica. 

Sector do transporte

En canto ao sector do transporte, poderán beneficiarse destas axudas os profesionais do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros (agás o sector do taxi para o que se teñen habilitado axudas específicas), o transporte de mercadorías por estrada e todas aquelas actividades anexas ao transporte terrestre. Empresas e autónomos deste sector poden ser potenciais beneficiarios de axudas de ata 3000 euros para implantar medidas ou dotarse de material de protección e hixiene.

Plataforma gratuíta de autodiagnóstico online

O programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros súmase á nova plataforma gratuíta de autodiagnóstico online que vén de activar a Xunta, que xa está en funcionamento e coa que calquera negocio pode obter unha análise do seu nivel de preparación fronte as necesidades de prevención e planificar as medidas que se deben acometer. 

Dispoñible no enderezo web comerciosegurogalicia.com, esta ferramenta achega as claves para garantir seguridade e confianza á clientela na volta á actividade, con diferentes recomendacións sanitarias e de prevención. Coa presentación das solicitudes para acollerese as axudas do programa, os solicitantes deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios