Actualidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, reuniuse onte, por videoconferencia, con diferentes entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca galegas. Na xuntanza abordaron polo miúdo as medidas de financiamento que o Goberno galego vai activar para inxectar de inmediato liquidez ao tecido empresarial. Esta liña de préstamos permitirá mobilizar no tecido empresarial galego 250 millóns de euros para que as pemes e autónomos poidan cubrir gastos. Outra das iniciativas de apoio que se activa é o aprazamento das cotas de amortización e xuros da liquidación dos préstamos formalizados coa Xunta de Galicia. A través de Xesgalicia, a Xunta engade, tamén, unha terceira liña de 10 millóns de euros para cubrir as necesidades de reestruturación produtiva das empresas galegas que decidan acometer a fabricación de material sanitario necesario para facer fronte ao coronavirus. Ademais, ata o venres 27, os axentes do ecosistema galego de innovación que teñan algunha proposta ou proxecto que poida contribuír á loita contra o COVID-19 poderán presentala á Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Gain. No marco da rolda de contactos que a Xunta vén mantendo estes días cos axentes económicos e sociais galegos, Conde tamén celebrou hoxe unha xuntanza por videoconferencia con representantes da industria forestal.

Ampliación de plazos crisis COVID19

Venres, 20 Marzo 2020 08:37

De conformidade coas medidas preventivas do sector público autonómico adoptadas como consecuencia da evolución do COVID-19, suspéndense os prazos para a tramitación dos procedementos no ámbito do Igape.

Estes prazos reiniciaranse unha vez finalizada a vixencia destas medidas, ou se é o caso, as súas prórrogas.

O director do Igape, Juan Cividanes, informou sobre o novo programa que, cunha dotación inicial dun millón de euros, achega diagnóstico e asesoramento para adaptarse ás novas relacións comerciais co país británico. A iniciativa forma parte dun paquete de accións impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria que inclúe un servizo de consultoría cunha oficina en Londres e a Plataforma Brexit Galicia, xa en funcionamento. Máis de 500 empresas galegas venderon os seus produtos ao mercado británico en 2019, por un valor total que supera os 1500 M€.

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe no encontro sobre dixitalización e nova industria organizado en Santiago de Compostela en colaboración co Clúster Audiovisual Galego. Convida ás empresas do sector a seguir impulsando a transformación tecnolóxica do tecido produtivo mediante as axudas á dixitalización, os Proxectos 4.0 e o resto de programas impulsados pola Axenda 4.0.

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe no acto de inauguración do XXIX Salón do Automóbil e a Motocicleta, que durante os próximos cinco días reunirá en Vigo 65 marcas e unha ducia de expositores da industria auxiliar. Salienta o esforzo conxunto das compañías, clústeres e organizacións empresariais no impulso á innovación, a internacionalización e a formación do capital humano nun sector estratéxico para Galicia.