Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020.- A Xunta impulsa unha nova liña de axudas dotada con 6 millóns de euros para que grandes empresas galegas impulsen a creación de centros de fabricación avanzada, é dicir, infraestruturas de uso aberto e compartido que contribuirán a desenvolver a base industrial a nivel local e fomentar a competitividade.
A nova liña de axudas, que se enmarca no Plan de reactivación económica, ponse en marcha para ampliar as posibilidades de creación de infraestruturas industriais por parte de grandes empresas galegas, que teñen capacidade tractora e financeira para promover o uso de centros de fabricación de xeito aberto e compartido entre as pequenas e medianas empresas que exercen a súa actividade na contorna onde se implanten.
Os apoios previstos poderán acadar ata o 60% do investimento en cada novo espazo que se poña a funcionar. As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, poderán acadar os 2,5 millóns de euros por cada un deles, e facilitaranse anticipos unha vez concedidas. Cubrirán, entre outros, investimentos en activos fixos pola realización de obras e reformas así como a adquisición de edificacións e bens de equipamento como maquinaria.
As infraestruturas que se cren deberán estar á disposición das pemes dunha forma aberta e transparente e o importe cobrado polo seu uso, que se establecerá mediante un sistema de tarifas adecuadas aos servizos que se utilicen, será o correspondente ao prezo de mercado. Nese sentido, e para garantir que a xeración destes espazos contribúa a impulsar a modernización da base industrial e o desenvolvemento dos ecosistemas produtivos a nivel local, deberán prestar servizos que non estean dispoñibles nese ámbito territorial no momento da solicitude ou aqueles cuxa oferta non se axuste ás necesidades das empresas.
Esta iniciativa dá continuidade a unha primeira convocatoria xeral de apoios aos centros de fabricación avanzada aos que se puideron presentar agrupacións, dotada con 16 millóns de euros. En conxunto, facilitarán investimentos que acadarán os 32 millóns de euros para mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas. Primarase que as infraestruturas creadas se integren nos dous Hubs de innovación dixital que o Goberno galego impulsa mediante a colaboración público-privada para achegar ás pemes as solucións tecnolóxicas que precisan.
Os Hubs, liderados por Bioga e Ceaga e que suman as capacidades de máis de 4200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas, funcionarán como unha xanela única que ofrecerán unha carteira de servizos para avanzar nas tecnoloxías da fábrica intelixente e o big data.
O proxecto impulsado por Ceaga beneficiará a sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil; mentres que Datalife, promovido por Bioga, prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.
Estas iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. No caso do Hub liderado por Ceaga tamén participan clústeres como Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC; empresas tractoras como Nueva Pescanova, Clun, Textil Lonia, Freire, PSA, GKN, Ence, Cupa ou Navantia; firmas do eido tecnolóxico como Televés e R; así como os centros Aimen, Anfaco-Cecopesca, Cesga, CTAG, Cetim, Gradiant e ITG; ademais das tres universidades galegas e de Feuga.
No Hub liderado por Bioga, entre os participantes repiten Clun, Nueva Pescanova, Televés, Clusaga, o Clúster TIC, Cesga, Gradiant, Anfaco-Cecopesca e a Universidade de Santiago de Compostela. A maiores, colaboran neste proxecto outras empresas (como Mestrelab, CZ Veterinaria, Finsa e Vodafone España) e clústeres (como o da Saúde e o da Madeira), así como a Fundación Kaertor.