O director do Igape, Juan Cividanes, informou dos resultados do comercio exterior galego nos primeiros oito meses do ano, nos que o superávit comercial acadou os 1.100 millóns de euros. Salienta que, de continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior roldaría os 21.000 millóns de euros, cifra que se logrou por vez primeira en 2017.
O director do Igape, Juan Cividanes, participou nunha xornada sobre a nova industria na que informou dos apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria á fábrica intelixente. Cividanes destacou os novos programas que incorpora a Axenda 4.0 para 2019 e 2020 co obxectivo de potenciar a competitividade do tecido produtivo.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza o convenio coa Escola de Organización Industrial (EOI) para sumar tres novas aceleradoras que se abrirán en Palas de Rei, Cenlle e Moaña. Estes espazos súmanse aos xa activos en Monforte de Lemos, Mondoñedo, Celanova, Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago e Vilanova de Arousa. A presente edición, que disporá dun orzamento dun millón de euros, prevé impulsar máis de 200 proxectos ata finais de 2020. Con esta iniciativa impulsáronse xa 625 propostas, das que máis de 200 xa se constituíron como empresa.
O director do Igape, Juan Cividanes, participou na xornada Financia Industria na que, en coordinación co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, se informou sobre os apoios á fábrica intelixente e a dixitalización. Cividanes salientou a nova folla de ruta da Axenda 4.0 desenvolta pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que reforza os programas xa activos e incorpora outros novos, como Maquinaria e Profesionais 4.0.
O director de Xesgalicia, Fernando Guldrís, asistiu hoxe en Santiago á presentación da nova convocatoria da Business Factory Food, promovida pola Xunta e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). O obxectivo é seguir impulsando proxectos innovadores para dar resposta aos retos da industria agroalimentaria, contando co apoio de grandes empresas tractoras. O prazo de presentación de iniciativas, que disporán de apoio económico da Consellería de Economía, Emprego e Industria, estará aberto ata o 30 de novembro.