Martes, 29 Outubro 2019 12:14

A Xunta destaca o esforzo das pemes galegas por consolidarse no exterior tras superar os 14.000 M€ en exportacións ata agosto

O director do Igape, Juan Cividanes, informou dos resultados do comercio exterior galego nos primeiros oito meses do ano, nos que o superávit comercial acadou os 1.100 millóns de euros. Salienta que, de continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior roldaría os 21.000 millóns de euros, cifra que se logrou por vez primeira en 2017.

 

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, informou hoxe en Santiago de Compostela dos resultados das exportacións das empresas galegas nos primeiros oito meses do ano, poñendo en valor o esforzo que o tecido produtivo está a realizar para consolidar a súa proxección nos mercados internacionais e que se ve reflectido no dato do volume total de vendas ao exterior, que acadou os 14.041 millóns de euros, a segunda mellor cifra para este período dos últimos anos, segundo a información que ofrece o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Cividanes salientou que, de continuar esta tendencia, en 2019 o total das vendas no exterior roldaría os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017. Apuntou tamén que ata o pasado mes de agosto o superávit comercial de Galicia alcanzou os 1.152,9 millóns de euros, mentres que a nivel estatal o saldo entre as exportacións e as importacións foi negativo.

Subliñou ademais o relevante peso que teñen as vendas ao exterior galegas no conxunto do Estado, xa que as exportacións da Comunidade suman o 7,3 % do total nacional. Sobre as vendas por sectores, resaltou os incrementos que experimentaron as industrias química e agroalimentaria (7% e 5,5% de suba con respecto ao mesmo período do pasado ano respectivamente), e a maquinaria, os aparellos mecánicos e o material eléctrico, que medraron en conxunto un 3,1%.

En canto aos destinos das exportacións, o director do Igape puxo de relevo o incremento das vendas a destinos non europeos, como China, cunha suba do 26,2% con respecto ao mesmo período de 2018; a India, cun ascenso do 23,2% ou África, destino no que as exportacións galegas se incrementaron un 4,7%. No que respecta ao mes de agosto, destacou o ascenso das vendas aos Estados Unidos, nun 40,7%, e aos países europeos, cun incremento das vendas a Francia dun 17,2%; a Bélxica, cun 13,7%; a Romanía, un 13,3%; Portugal, un 7% ou o Reino Unido, un 4,9%.

Con respecto a este último destino, lembrou o compromiso do Goberno galego coa consolidación das vendas das pemes galegas ante o escenario comercial que a marcha do Reino Unido da Unión Europea poida implicar. Así, o plan de continxencia activado polo Goberno galego inclúe a plataforma dixital de asesoramento que está a disposición das pemes, unha oficina de información e consultas cuxas funcións serán ampliadas e o cheque Brexit, que se porá en marcha unha vez se confirme a saída.

Ademais, Cividanes lembrou que as liñas de axudas á internacionalización que desenvolve o Igape buscan seguir impulsando as vendas das pemes galegas en todo o mundo, polo que se reforzaron as actuais convocatorias dos programas Galicia Exporta e Foexga, que están a promover máis de 1.500 accións no exterior en máis de 100 países e nas que participan máis 1.300 pemes galegas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios