Luns, 28 Outubro 2019 11:49

A Xunta salienta en San Cibrao das Viñas os investimentos en dixitalización e Industria 4.0 como pancas do desenvolvemento económico

O director do Igape, Juan Cividanes, participou nunha xornada sobre a nova industria na que informou dos apoios da Consellería de Economía, Emprego e Industria á fábrica intelixente. Cividanes destacou os novos programas que incorpora a Axenda 4.0 para 2019 e 2020 co obxectivo de potenciar a competitividade do tecido produtivo.

San Cibrao das Viñas (Ourense), 28 de outubro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou en San Cibrao das Viñas a importancia dos investimentos que as pemes realizan en dixitalización e na modernización tecnolóxica como instrumentos de impulso da competitividade e o desenvolvemento do tecido produtivo, durante a súa intervención na xornada sobre Industria 4.0, organizada polo Colexio de Economistas de Ourense e a Asociación de Empresarios do Polígono da localidade ourensá.

No encontro, no que participaron empresarios e profesionais, Cividanes ofreceu información sobre os instrumentos de apoio que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon a disposición das pemes e os emprendedores para propiciar a transformación do modelo industrial galego cara a fábrica intelixente, fomentar a especialización tecnolóxica, aumentar o tamaño das empresas e avanzar no desenvolvemento económico.

O director do Igape destacou que, con eses obxectivos, a nova folla de ruta da Axenda 4.0 para 2019 e 2022 reforza os programas xa en marcha, como as axudas á dixitalización e os proxectos Industria 4.0, e incorpora novas liñas de apoio, como Profesionais e Maquinaria 4.0 e os Centros de Fabricación Avanzada, programa que facilitará validar recursos de tecnoloxías dixitais feitas en Galicia en sectores produtivos concretos.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten xa activa a liña de axudas Profesionais 4.0, que incentiva a contratación e a formación de novos titulados universitarios e de técnicos superiores en FP para a realización de plans de mellora competitiva. Ademais, vense de pechar o prazo de presentación de propostas de empresas e agrupacións empresariais para que os fabricantes de maquinaria e bens de equipo desenvolvan produtos que dean respostas ás súas necesidades, fase previa á activación do programa Maquinaria 4.0, que terá como obxectivo reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra de tecnoloxía feita en Galicia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios