Venres, 25 Outubro 2019 09:35

A Xunta impulsa o emprendemento con 10 espazos coworking dos que 3 son novos e están centrados no Camiño, a agroalimentación e o naval

A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza o convenio coa Escola de Organización Industrial (EOI) para sumar tres novas aceleradoras que se abrirán en Palas de Rei, Cenlle e Moaña. Estes espazos súmanse aos xa activos en Monforte de Lemos, Mondoñedo, Celanova, Cabana de Bergantiños, Ferrol, Santiago e Vilanova de Arousa. A presente edición, que disporá dun orzamento dun millón de euros, prevé impulsar máis de 200 proxectos ata finais de 2020. Con esta iniciativa impulsáronse xa 625 propostas, das que máis de 200 xa se constituíron como empresa.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria reforza a súa aposta polo emprendemento coa posta en marcha de tres novos coworking en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). Así, xunto cos xa activos, nos próximos meses estarán en funcionamento un total de 10 espazos que facilitarán o desenvolvemento das iniciativas empresariais de 220 emprendedores.

Como vén de informarse no Consello da Xunta, os tres espazos que se crean acelerarán, en novas localizacións, proxectos relacionados con actividades específicas. Así, o coworking do Ribeiro, que se situará no concello ourensán de Cenlle, promoverá a agroalimentación, o turismo rural e a economía circular, mentres que o situado en Palas de Rei (Lugo), centrarase no Camiño de Santiago e fomentará o emprendemento na ruta xacobea. Tamén se abrirá un espazo no Morrazo (no concello de Moaña) para impulsar a procura de novas oportunidades a emprendedores e empresarios relacionados co sector naval.

Estes novos espazos súmanse aos xa en funcionamento en edicións anteriores e abertos na Mariña lucense (con sede en Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos); Terras da Limia (Celanova); A Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Santiago de Compostela, Ferrolterra (CIS Galicia en Ferrol) e O Salnés (Vilanova de Arousa). Estes coworking levan impulsados 625 proxectos de 701 emprendedores, e un total de 227 iniciativas xa se constituíron como empresas. Nos próximos días abrirase o prazo de inscrición á nova convocatoria, que non se pechará ata o 30 de novembro.

As aceleradoras desta rede, recoñecida co Premio europeo aos proxectos rexionais máis innovadores e finalista dos Regiostar Awards 2017, disporán ata finais de 2020 dun orzamento dun millón de euros, mediante o que se prevé impulsar 220 proxectos.

A rede de espazos coworking impulsada promovida pola Xunta a través do Igape e a EOI forma parte da plataforma StartIN Galicia, que agrupa a todas as aceleradoras que apoia a Administración autonómica e que permitiu nos últimos cinco anos impulsar máis de 1000 proxectos emprendedores en todo o territorio. Dentro desta plataforma de apoio integral desenvólvense as business factories e outras aceleradoras como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future e Connecting For Good Galicia.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios