Xoves, 24 Outubro 2019 14:08

A Xunta destaca na Coruña o impulso á Industria 4.0 como chave para incrementar a competitividade e a innovación das pemes

O director do Igape, Juan Cividanes, participou na xornada Financia Industria na que, en coordinación co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, se informou sobre os apoios á fábrica intelixente e a dixitalización. Cividanes salientou a nova folla de ruta da Axenda 4.0 desenvolta pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, que reforza os programas xa activos e incorpora outros novos, como Maquinaria e Profesionais 4.0.

 

A Coruña, 24 de outubro de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou a importancia dos investimentos industriais no ámbito 4.0 para avanzar na competitividade e a innovación do tecido industrial a través do impulsa á fabrica intelixente, a dixitalización e o desenvolvemento da I+D+i, durante a súa intervención na xornada Financia Industria, organizada na Coruña pola Xunta en colaboración co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

No encontro ofreceuse información sobre os instrumentos de financiamento que o Ministerio pon a disposición das empresas. Nese sentido, Cividanes destacou a complementariedade das axudas dos gobernos galego e central para avanzar na modernización industrial da Comunidade Autónoma.

O director do Igape lembrou que a nova folla de ruta da Axenda 4.0 ata 2022 ten como principais obxectivos anticiparse aos cambios do novo modelo industrial, aumentar o tamaño das empresas e contribuír á reinvención e a especialización tecnolóxica do tecido produtivo. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de reforzar os programas xa activados e de incorporar novas iniciativas, como os Centros de Fabricación Avanzada, Profesionais 4.0 e Maquinaria 4.0.

Así, dentro da fase de deseño desta última liña de axudas, esta semana rematou o prazo de presentación de propostas, mediante as que empresas e agrupacións empresariais puideron achegar proxectos e manifestar o seu interese en que o sector galego de fabricantes de maquinaria e bens de equipo desenvolva produtos que dean respostas ás súas necesidades. O novo programa terá como obxectivo, ademais, reforzar a estandarización no sector e facilitar a compra local, nacional e internacional de tecnoloxía feita en Galicia.

Cividanes recordou que entre as novas medidas que se están a desenvolver tamén están os Centros de Fabricación Avanzada, que facilitará validar recursos de tecnoloxías dixitais feitas en Galicia en sectores produtivos concretos, e o programa Profesionais 4.0, nova liña de axudas que incentiva a contratación e a formación de novos titulados universitarios e de técnicos superiores en FP para a realización de plans que garantan o avance competitivo no eido da Industria 4.0.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios