Monday, 21 July 2014 09:16

O Goberno de Canarias estuda adaptar para as empresas das Illas programas de apoio e servizos ao tecido empresarial da Xunta

O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo un encontro co director xeral de Promoción Económica canario, Laureano Pérez, e co presidente da Fundación La Caja de Canarias, Blas Trujillo. Aguilera, que explicou as liñas de axuda ao financiamento, á competitividade e á internacionalización, salientou a excepcional acollida que están a ter entre as empresas galegas os servizos de mellora Re-Acciona, un dos programas que máis interese espertou na delegación canaria.

 

Santiago, 19 de xullo de 2014.- O director xeral do Igape Javier Aguilera, mantivo un encontro de traballo co director xeral de Promoción Económica do Goberno de Canarias, Laureano Pérez, e co presidente da Fundación La Caja de Canarias, Blas Trujillo, que amosaron o interese por adaptar e poñer a disposición das empresas das illas algúns dos programas e liñas de apoio e servizos da Xunta para facilitar o financiamento, a mellora da competitividade ou a internacionalización do tecido empresarial.

Na reunión, Javier Aguilera destacou a excepcional acollida dos servizos para a mellora da competitividade que a Consellería de Economía e Industria ofrece ás empresas galegas a través do programa Re-Acciona, un dos que máis interese espertou na delegación canaria. Neste sentido, o director do Igape subliñou a boa acollida que está a ter entre as empresas galegas este programa que está redefinindo as formas de impulsar a mellora da competitividade das pemes, facilitando a implantación de proxectos de mellora tanto no ámbito da profesionalización como no de desenvolvemento estratéxico.

A través desta iniciativa, as empresas interesadas contan con servizo de consultoría especializada no ámbito de xestión que desexan mellorar e coa colaboración de bolseiros que se especializan durante o proceso, sempre coordinado desde o Igape.

O 28% dos servizos solicitados polas pemes galegas son os centrados na análise do potencial competitivo. Entre os máis demandados están tamén, a seguir, os referidos á estratexia de empresa, planificación comercial, melloras na produción, optimización de procesos ou financiamento. Tamén son moi demandados servizos para promover acordos de cooperación ou para a reorientación do negocio.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments