Friday, 18 July 2014 14:09

O programa Galicia Emprende apoia 70 proxectos empresariais que prevén mobilizar 9 millóns de euros en investimentos

 O director do Igape, Javier Aguilera, destaca que as axudas que veñen de aprobarse permiten a creación de máis de 160 empregos en sectores como o alimentario, o comercio ou os servizos. Dentro do forte estímulo ó emprendemento que está a realizar a Consellería de Economía e Industria, os novos empresarios poden acceder tamén a fondos de capital risco e programas de préstamos directos ou con xuros bonificados. A través da Unidade Galicia Emprende achégase aos emprendedores galegos asesoramento especializado para a posta en marcha dos seus proxectos.

Santiago, 18 de xullo de 2014.- O director do Igape, Javier Aguilera, informou hoxe polo miúdo dos resultados do programa Galicia Emprende, que nesta convocatoria apoia 70 proxectos de novos emprendedores, o dobre que na anterior edición, que mobilizan investimentos por preto de 9 millóns de euros en iniciativas que permiten a creación de máis de 160 empregos en Galicia.

Tal e como explicou Aguilera, os proxectos emprendedores que veñen de ser aprobados polo Igape, con axudas por máis de 2 millóns de euros, abranguen actividades moi variadas, tanto do sector industrial como de servizos. Así, as iniciativas van desde a industria do pan e a elaboración de produtos alimenticios ata fabricación de cervexa artesanal; o comercio polo miúdo de produtos téxtiles, produtos químicos, libros, calzado ou xoguetes; e servizos de aloxamento ou reparación de maquinaria industrial.

Segundo informou o director do Igape, dos 70 proxectos apoiados nesta convocatoria do Galicia Emprende, 37 están impulsados por empresarios autónomos, o 53% do total. Salientou ademais que as axudas concedidas dentro deste programa contemplaron maior valoración e unha intensidade superior de axuda para os proxectos localizados nas provincias de Lugo e Ourense e nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, así como na Costa da Morte. Un de cada tres proxectos aprobados correspóndense a estas zonas con plans Impulsa, que suman preto do 50% do importe total das axudas concedidas.

Javier Aguilera, que lembrou que desde o 2009 se levan concedido mediante esta liña axudas directas a emprendedores galegos por máis de 7 millóns de euros para mobilizar investimentos por 30 millóns de euros, salientou que, ademais deste programa, e no marco da Lei do Emprendemento, os novos empresarios poden acceder a diferentes programas de apoio mediante préstamos directos, préstamos participativos ou microcréditos e préstamos con xuros bonificados.

Todos estes instrumentos achéganse a través da Unidade Galicia Emprende, que ofrece servizos de formación e asesoramento especializado para que os novos empresarios galegos poidan poñer en marcha e consolidar os seus proxectos.

Galicia 1000

Así, o director do Igape salientou que, no marco do programa Galicia 1000, veñen de activarse diferentes instrumentos de apoio para facilitar os investimentos promovidos polos novos emprendedores e pemes. En concreto, destacou os préstamos directos Jeremie, para financiar operacións a partir de 70.000 euros; os microcréditos de ata 25.000 euros, con xuros que poden acadar bonificacións de ata 4 puntos; e os préstamos comprendidos entre 25.000 e 1 millóns de euros, tamén bonificados polo Instituto.

A estes programas súmase o fondo de capital risco Galicia Emprende, dotado con 4 millóns de euros e destinado a financiar novos proxectos de emprendedores con investimentos comprendidos entre 35.000 e 500.000 euros.

O obxectivo final de todas estas actuacións, segundo afirmou o director do Igape, é procurar que ningún proxecto empresarial viable deixe de poñerse en marcha por falta do asesoramento ou dos apoios axeitados ás súas necesidades e peculiaridades.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments