Monday, 01 September 2014 10:13

As Pemes galegas poden financiar novos investimentos con préstamos directos do Igape de ata un millón de euros

A Xunta mobilizará 15 millóns de euros en proxectos empresariais mediante os préstamos Jeremie do programa Galicia 1000. As bonificacións previstas nesta nova liña permitirán que os xuros efectivos resultantes poidan ser inferiores ao 1,3%. Financiarase ata o 70% dos novos investimentos, ampliacións de instalacións ou diversificacións da produción.

 

Santiago, 1 de setembro de 2014.- As pemes galegas que impulsen novos investimentos empresariais poden contar actualmente cos préstamos directos Jeremie, unha iniciativa coa que a consellería de Economía e Industria busca mobilizar 15 millóns de euros en apoio do tecido empresarial galego e, con el, da creación de emprego.

Os préstamos, xestionados a través do Igape, constitúen unha liña pioneira en Galicia que conta cunha dotación inicial, ampliable segundo a demanda, de 8 millóns de euros procedentes de fondos Feder. Con ese fondos, outorgaranse créditos de entre 70.000 e 1.050.000 euros, cos que se pode financiar ata o 70% dos proxectos.

Os prazos de amortización dos préstamos serán de ata 7 anos con un de carencia, e contarán cunha vantaxe clave para os empresarios e emprendedores galegos: uns xuros que poden ser inferiores a 1,3%. Trátase de xuros fixos vinculados ao euríbor, que se calcularán sumando ao euríbor a un ano vixente no momento da concesión, un tipo adicional que oscilará entre un 0,75% e un 3%, en función do importe do préstamo. As bonificacións de xuros previstas farán posible que os tipos efectivos resultantes poidan ser inferiores a ese 1,3%.

A través desta nova liña de financiamento apoiarase a pemes ou microempresas tanto para novas instalacións produtivas como para actuacións destinadas a ampliar, modernizar ou diversificar instalacións xa existentes. Ao abeiro destes apoios será posible financiar tanto activos fixos materiais asociados ó investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios para desenvolver o proxecto, incluíndo aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, ou licencias de fabricación.

Os préstamos Jeremie constitúen unha das liñas máis destacables do programa de financiamento empresarial Galicia 1000, dotado con 50 millóns de euros e co que a Xunta apoiará 1.000 novos proxectos empresariais, mobilizando arredor de 200 millóns en investimentos e dando resposta axeitada ás distintas necesidades das empresas, en función da súa situación, procurando que ningún proxecto viable quede sen financiamento. O Galicia 1000 incorpora instrumentos como o capital risco, préstamos participativos, préstamos bancarios bonificados para investimentos, préstamos avalados e garantías para o financiamento de operacións de circulante.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments