Actualidade

As actuacións máis demandadas están centradas en ámbitos como o relanzamento comercial, a optimización financeira, as solucións de marketing dixital ou a mellora da xestión mediante solucións dixitais innovadoras. O programa Reacciona do Igape ten como obxectivo prioritario o de potenciar as competencias e habilidades do capital humano das empresas, para que as melloras introducidas na xestión poidan ter carácter permanente. O Reacciona TIC, iniciativa da Amtega e do Igape, facilita o acceso das pemes á servizos de asistencia, diagnose e/ou soporte na implantación de solucións de empresa dixital e da empresa 4.0. Mañá remata o prazo de presentación de solicitudes para a vixente convocatoria de ambos programas, que irá seguida doutra en datas próximas.

O director do Igape, Juan Cividanes, afirmou hoxe en Santiago que as exportacións galegas camiñan cara a un novo récord histórico durante a súa participación no taller informativo sobre as bases do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios, que prevé apoiar a 200 empresas. Salientou o papel das asociacións empresariais, clusters, centros tecnolóxicos e consellos reguladores para optimizar recursos e dinamizar a captación de novos clientes para as empresas nos mercados exteriores. O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro deste programa está aberto ata o próximo 27 de marzo.

O director do Igape, Juan Cividanes, reuniuse esta mañá co Clúster Alimentario de Galicia, un sector do que destacou que está apostando pola captación de clientes en mercados exteriores. Animou a Clusaga a impulsar nas empresas do sector investimentos tecnolóxicos ao abeiro da segunda edición do concurso de ideas Industria 4.0, para o que se abriu hoxe o prazo para presentar propostas. No marco desta liña promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para impulsar a fábrica intelixente, tres empresas alimentarias están desenvolvendo proxectos de Industria 4.0

A convocatoria, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, conta cun orzamento de catro millóns de euros e mobilizará 10 millóns. Prevese apoiar seis novas iniciativas colectivas, catro delas centradas en implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega. Como novidade impulsaranse ademais dous proxectos nos ámbitos específicos da fábrica virtual e a TIC industrial, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a internet das cousas ou o big data. Grazas á primeira edición xa se están a desenvolver proxectos na automoción, a alimentación, o aeronáutico e a madeira nos que participan un total de 38 pemes e que serven de exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou as instalacións en Culleredo desta compañía especializada na fabricación e instalación dunha ampla gama de produtos metálicos que renova a súa maquinaria contando co apoio do programa Galicia Inviste. Coa incorporación da nova maquinaria, a empresa ampliará a súa capacidade de produción, poderá completar procesos que tiña que subcontratar a outras empresas e que en diante poderá realizar para outras compañías. Cividanes destacou que o Igape vén de ampliar ata o próximo 31 de marzo o prazo de presentación de solicitudes ao Galicia Inviste para a adquisición de maquinarias ou equipos para ampliar, diversificar ou mellorar a produción.