Friday, 03 February 2017 14:58

A Xunta activa a segunda edición do concurso de ideas Industria 4.0 co que se desenvolverán proxectos piloto en medio cento de Pemes galegas

A convocatoria, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, conta cun orzamento de catro millóns de euros e mobilizará 10 millóns. Prevese apoiar seis novas iniciativas colectivas, catro delas centradas en implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega. Como novidade impulsaranse ademais dous proxectos nos ámbitos específicos da fábrica virtual e a TIC industrial, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a internet das cousas ou o big data. Grazas á primeira edición xa se están a desenvolver proxectos na automoción, a alimentación, o aeronáutico e a madeira nos que participan un total de 38 pemes e que serven de exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0

Santiago, 3 de febreiro de 2017.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no DOG a convocatoria da segunda edición do Concurso de Ideas Industria 4.0, dotada con catro millóns de euros e coa que se prevé mobilizar 10 millóns en seis proxectos piloto nos que participarán arredor de medio cento de pequenas e medianas empresas galegas.

A iniciativa prevé seleccionar, por unha parte, catro novos proxectos colectivos para implantar a fábrica intelixente en sectores estratéxicos da economía galega, que se sumarán aos da primeira edición, que están a ser desenvolvidos por Ceaga, no ámbito da automoción; o Clúster da Madeira; Clusaga (alimentación) e Asime, no aeronáutico, e nos que están a participar un total de 38 pemes mobilizando 7,5 millóns de euros.

Como novidade desta segunda convocatoria, cofinanciada con fondos Feder, impulsaranse ademais un proxecto temático no ámbito específico da fábrica virtual (a simulación de procesos para optimizalos) e outro na TIC industrial, avanzando en tecnoloxías como a intelixencia artificial, o seguimento do produto, internet das cousas e análise de negocio e os modelos preditivos utilizando datos masivos (big data).

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses, facilitando así a formación por parte dos clústers e asociacións empresariais de grupos ou alianzas de traballo conformadas por un mínimo de tres empresas.

A axuda máxima será dun millón de euros por cada un dos proxectos, incluíndo un premio de ata 25.000 euros para as entidades coordinadoras de cada unha das iniciativas seleccionadas. Escollerá os proxectos un xurado composto por representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación e expertos nacionais e internacionais de recoñecido prestixio.

As empresas que desexen impulsar un proxecto de investimento 4.0 e necesiten contactar cun organismo intermedio para presentalo á convocatoria aberta, poden facelo seguindo as instrucións publicadas na web do Igape. Do mesmo xeito, os organismos intermedios que queiran presentar solicitude ao abeiro desta liña poden dirixirse ao Instituto para publicar, na mesma páxina, as liñas xerais da iniciativa e para localizar, así, empresas que desexen sumarse.

Agárdase que, tal e como está a suceder cos proxectos apoiados na primeira edición, as iniciativas seleccionadas teñan un importante efecto demostrador no ámbito da industria 4.0 para o conxunto do tecido empresarial galego, servindo como exemplos a seguir por outras empresas no desenvolvemento da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0.

Con esta folla de ruta, que ten entre os seus obxectivos incrementar para 2020 o peso da industria galega no PIB en 6,5 puntos, ata acadar o 20%, Galicia é pioneira no camino cara a Industria 4.0 con medidas que apostan pola formación, o establecemento dunha estratexia de sensibilización que impulse este novo modelo produtivo, e axudas ao tecido empresarial.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments