Actualidade

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, indica que a Administración autonómica "tomou a iniciativa" para que as familias poidan dispoñer de liquidez mentres non reciben as prestacións do Estado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os apoios, que permitirán recibir de forma inmediata 1500 euros, cun tope mensual de 750 euros, mediante un convenio acordado coas entidades financeiras. Os adiantos están libres de xuros e comisións.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta iniciativa que permitirá a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria. O Goberno galego destina 2,5 millóns de euros para impulsar a produción na Comunidade de material sanitario, equipos de protección individual, probas de diagnose, ventiladores e desinfectantes, e os proxectos serán avaliados polo Comité de fabricación de equipamento sanitario. As axudas, de ata 100.000 euros, cubrirán o 75% dos investimentos e gastos que realicen as pemes para adaptar a súa produción.

Feijóo destaca que das 160 iniciativas innovadoras presentadas á chamada para producir material sanitario, preseleccionáronse 11 para, por exemplo: desenvolver láminas que poidan protexer diferentes superficies fronte ao virus; novos sistemas para respiradores ou sistemas de detección rápida do virus. O titular da Xunta resalta tamén a activación dun novo programa para impulsar a reorganización produtiva urxente das empresas galegas para facer fronte á emerxencia sanitaria.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica esta iniciativa que permitirá avalar a cada negocio ata 200.000 euros para atender as necesidades máis inmediatas, como pago de salarios, alugueiros ou impostos. A Administración autonómica destina 30 millóns de euros ao programa, que permitirá mobilizar 250 millóns entre o tecido empresarial galego para paliar os efectos do coronavirus.

Os interesados poden darse de alta a través da app Gohu e recibir, de xeito gratuíto, toda a información no seu móbil.