A Consellería de Economía, Emprego e Industria concede axudas por case 3,8 millóns de euros para apoiar proxectos de creación de novas empresas ou de consolidación de compañías nos primeiros 42 meses de funcionamento. Os proxectos aprobados contemplan a creación e mantemento de máis de 300 empregos e abranguen actividades tanto do sector industrial como dos servizos.
O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Pontevedra nun encontro con profesionais e empresas, organizado por APE-Galicia, para escoitar as súas demandas e informarlles dos apoios aos que poden acceder. Destacou que o Plan de reactivación económica inclúe axudas para o comercio, o turismo, os servizos e o transporte. A partir de mañá estará aberto o prazo de solicitude da nova convocatoria das axudas á dixitalización para impulsar a mellora da competitividade e facilitar a dinamización económica.
O director do Igape, Juan Cividanes, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participaron nun encontro coas tres principais asociacións de comerciantes de Santiago para informar dos novos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros. Estas liñas contan con 16M€ para o comercio, o turismo, os servizos e o transporte, e apoian medidas novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma. As axudas poden destinarse á adquisición de equipos de protección, a adaptación dos espazos, a realización de obras e a posta á disposición de información para os clientes.
Autónomos, pemes e entidades de economía social poden presentar xa as solicitudes dos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros, cos que se apoia a adquisición de equipos de protección, a adaptación dos espazos, a realización de obras e a posta á disposición de información para os clientes. Búscase ofrecer a máxima confianza aos consumidores e visitantes, ao tempo que se promociona Galicia como un destino fiable e de calidade, no marco do plan Galicia destino seguro. Os apoios dirixidos aos establecementos comerciais, turísticos e salóns de peiteado de menos de 10 traballadores cubrirán o 100% do investimento, ata 1200€. As axudas para as empresas de ata 50 traballadores de calquera dos sectores acadarán o 80% do gasto realizado, cunha achega máxima de 3000 euros. As actuacións poden ser novas ou xa realizadas desde a declaración do estado de alarma.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará a creación de espazos de uso aberto e compartido na Cidade das TIC da Coruña, o Polo loxístico liderado por Ceaga na Plisan, o centro biotecnolóxico no parque empresarial da Sionlla e nos municipios de Narón e Vilagarcía. Impulsados polo clúster da automoción e o das tecnoloxías da información e a comunicación, ademais da Área Empresarial do Tambre e o Grupo Intaf, contribuirán a desenvolver a base industrial e fomentar a competitividade. Tres destas infraestruturas integraranse nos Hubs de innovación dixital galegos, que agrupan máis de 4.200 empresas e entidades. O Goberno galego, dentro do Plan de reactivación económica, vén de activar outra liña complementaria destinada á promoción deste tipo de centros industriais impulsados por grandes empresas tractoras.