O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa presenza nos mercados exteriores e apoiar tamén aquelas outras que xa se iniciaron no ámbito das exportacións e que teñen posibilidades de incrementar a súa presenza no exterior.
Avais.
1. Poderán acceder aos avais as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea.
En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias as empresas que se atopen en situación de crise, as que teñan un risco vivo co Igape como consecuencia dun aval concedido previamente nin as empresas cuxo único obxecto social sexa a compravenda de bens inmobiliarios ou activos financeiros.
Características das liñas de financiamento e cobertura dos avais do Igape:
O Igape só poderá garantir operacións de financiamento novas, non permitíndose a substitución de créditos bancarios preexistentes.
Entenderase que a liña de financiamento avalada polo Igape substitúe a outras liñas preexistentes cando:
a) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos á data de entrada en vigor da convocatoria coas entidades financeiras, para a mesma finalidade, fosen cancelados antes do seu vencemento, sen consentimento expreso do Igape.
b) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos á data da solicitude coa entidade financeira, para a mesma finalidade, non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada, sen consentimento expreso do Igape.
Modalidades de operacións financeiras:
O Igape poderá avalar as seguintes modalidades de operacións financeiras:
- liñas de crédito.
- liñas de desconto ou anticipo de efectos comercias ou facturas
- liñas xenéricas de riscos mercantís.
As operación avaladas deberán destinarse ás seguintes finalidades:
a) Créditos de prefinanciamento: Créditos destinados ao financiamento do aprovisionamento de materias primas, fabricación dos produtos a exportar, así coma os gastos derivados do proceso de envase, embalaxe e preparación para o envío ao exterior. A necesidade do prefinanciamento deberá ser xustificada pola empresa, baseándose na previsión de exportacións durante o prazo de vixencia da operación e na previsión de aplicación de fondos.
b) Créditos de postfinanciamento: Créditos destinados a anticipar os dereitos de cobro das operacións de exportación materializados en diferentes documentos tales coma facturas, obrigas de pagamento, letras de cambio, etc.
c) Avais ou fianzas: Emisión de avais e fianzas prestadas pola entidade financeira en garantía de terceiros, vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos.
Cobertura e custo dos avais:
O Igape responderá de ata o 50% dos importes adebedados á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50 % do importe do aval formalizado.
Importe das operacións:
A suma das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será como mínimo de 80.000 euros e máximo de 250.000 euros.
Unha mesma empresa poderá solicitar o aval para as tres finalidades ou ben para unha ou dúas delas. Non obstante, no caso de que o soliciten para máis dunha finalidade nunha mesma entidade financeira, deberán ampararse nunha póliza xenérica de riscos mercantís.
Unha mesma empresa tamén poderá solicitar os avais a través de dúas ou máis entidades financeiras, sempre que non se supere o importe máximo de operacións.
Prazos:
O prazo máximo de vixencia das operacións avaladas será dun ano, e a vixencia dos avais de dous anos.
Obxecto e condicións da garantía do Igape:
- As garantías outorgadas polo Igape consistirán na prestación de aval subsidiario ante as entidades financeiras.
- O prazo de vixencia da garantía será como máximo de 2 anos, cubrindo o risco vivo financiado ou anticipado durante o ano de vixencia máxima da operación avalada.
Garantías a achegar pola beneficiaria.
As garantías a achegar serán as esixidas pola entidade financeira para autorizar a operación. As ditas garantías serán repartidas entre a entidade financeira e o Igape en función do risco asumido por cada parte.
No caso de acreditarse a constitución doutras garantías distintas ás declaradas polas entidades financeiras, o Igape non responderá polo aval concedido.
--
A suma das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será como mínimo de 80.000 euros e máximo de 250.000 euros.
O Igape responderá de ata o 50% dos importes adebedados á entidade financeira como consecuencia dos descubertos que se produzan, unha vez cumpridos os requisitos de execución sinalados no artigo 6.3, e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 0,50 % do importe do aval formalizado.
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 31 de decembro do ano 2013.
Poderanse cubrir e obter os formularios a través da aplicación informática ata as 14.00 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
-
Resolución do 13 maio de 2013 (DOG Nº93 do 16/05/2013) - Bases reguladoras e convocatoria 2013
Información:
- Nas oficinas do Igape
- Por teléfono: 902 300 903 / 981 54 11 47
- Por correo electrónico: informa@igape.es
- Na web do Igape: www.igape.es
Tramitación:
1.- Para solicitar unha operación avalada polo Igape, a empresa deberá acudir a algunha das entidades financeiras adheridas a este programa e obter o certificado expedido pola mesma, de acordo co modelo establecido no Anexo II.
2.- Unha vez que a empresa estea en posesión do dito certificado, deberá cubrir un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
As solicitudes de aval presentaranse mediante a instancia normalizada (Anexo I) que xenera a aplicación xunto coa documentación.
Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación, en orixinal ou copia cotexada:
a) Comunicación por parte da entidade/s financeira/s das operacións que estarían dispostas a conceder condicionadas ao aval do Igape certificando que non substitúe a outras liñas de financiamento preexistentes e descrición das garantías esixidas para cubrir o risco da operación (Anexo II).
b) NIF da empresa.
c) NIF do asinante da solicitude. Co fin de evitar a súa achega o órgano xestor accederá ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade se o solicitante autoriza a súa verificación de conformidade co disposto no artigo 2 do Decreto 255/2008. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o NIF.
d) Escrituras de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente así coma as modificacións posteriores.
e) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
f) Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado depositadas no Rexistro Mercantil, incluído, se é o caso, informe de auditor.