O Igape asesorou e acompañou á empresa no proceso de instalación en Galicia. O director do Instituto, Javier Aguilera, destaca a importancia de atraer empresas tecnolóxicas, con capacidade para xerar sinerxías e empregar a técnicos galegos de alta cualificación. O voceiro de MobGen Technology Spain, Ron Vrijmoet, salientou que a empresa facilita o regreso a Galicia de 5 profesionais de orixe galega que estaban a traballar na central de Amsterdam e prevé incrementar o cadro de persoal.
O Igape destina 1,4 millóns, un 40% máis có ano pasado, ás bolsas formativas en proxectos de mellora competitiva. Os seleccionados recibirán formación especializada en internacionalización, cooperación empresarial e competitividade, incrementando así as súas posibilidades de inserción laboral futura. Os bolseiros poderán prestar servizos en varias pemes ou entidades diferentes, titorizados por expertos. O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 4 de novembro e a incorporación dos bolseiros ás empresas comezará no próximo mes de xaneiro.
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, participa na sesión inaugural da IV Convención anual de presidentes de asociacións organizada pola Federación de Autónomos de Galicia (Feaga) que se desenvolve hoxe no Pazo de Mariñán. Destaca as diferentes ferramentas postas ao seu dispór pola Consellería, como o programa re-Emprende. A través desta iniciativa apóiase a posta en marcha de novos negocios ou a consolidación das empresas con menos dun ano en funcionamento con axudas de ata o 50%.
O director do Igape, Javier Aguilera, salientou que a través do Instituto, a Consellería de Economía e Industria destina este ano máis de 24 millóns de euros en axudas directas para favorecer a mellora da competitividade e a proxección exterior das empresas. Recoñeceu que o sector especializado en produtos do mar é un dos máis concienciados coa innovación, e salientou o apoio habitual do Goberno galego para os eventos de proxección internacional que organiza Conxemar.
O director do Igape, Javier Aguilera, visitou na cidade luguesa as instalacións de Proyestegal, compañía que lidera un proxecto para a primeira implantación comercial no Brasil. A empresa, especializada na prestación de servizos de enxeñaría en eidos como a ordenación do territorio ou a topografía, ten contado con diversos apoios do Igape para a súa proxección exterior. A través do Primex a Xunta está a facilitar a cooperación de máis de 250 empresas para implantarse en máis de vinte mercados exteriores.