Santiago, 02 de outubro de 2013.- A Consellería de Economía e Industria vén de abrir a convocatoria para a selección, no marco do programa de bolsas formativas para a realización de proxectos de mellora nas pemes galegas, de 135 bolseiros. Este programa achegará a 135 novos titulados “a primeira oportunidade de entrar en contacto, durante un ano, co mundo da empresa”, segundo salientou o director do Igape, Javier Aguilera Navarro.
Neste sentido, explicou Aguilera, os beneficiados recibirán formación teórica e práctica, incrementado así as súas posibilidades de inserción laboral futura. Para acadar este obxectivo, a Consellería de Economía e Industria destina 1,4 millóns de euros a este programa, que concederá bolsas cunha dotación anual de 10.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o próximo 4 de novembro e a incorporación dos seleccionados aos seus destinos comezará no próximo mes de xaneiro.
O proceso inclúe un primeiro programa de formación teórica, que será complementado posteriormente con formación práctica no ámbito empresarial e no marco dos programas de mellora competitiva aos que se asocia esta iniciativa. Está previsto que cada un dos bolseiros seleccionados poida participar no desenvolvemento de varios proxectos de mellora competitiva, ben en empresas, en clústeres, ou en entidades colaboradoras da Unidade Galicia Emprende.
Deste xeito, os bolseiros participarán na implantación de proxectos de mellora amparados polo programa ReAcciona que está desenvolver o Igape, nos proxectos de mellora competitiva que impulsen os clústeres, en programas de internacionalización do Instituto ou nos procesos de información e avaliación de novos proxectos empresariais, colaborando neste caso cos axentes que se incorporen a Unidade Galicia Emprende, que prevé activar a Xunta en datas próximas.
Poderán aspirar a estas bolsas formativas os mozos sen experiencia laboral previa no ámbito da súa especialidade formativa que obtivesen, con posterioridade ao 31 de decembro de 2007, algunha das seguintes titulacións universitarias: física, enxeñería, matemáticas, química, ciencias económicas e empresariais, administración e dirección de empresas, ciencias empresariais, economía, e dereito. A selección realizarase polo sistema de concorrencia competitiva, seguindo un baseado na valoración do expediente académico, a formación adicional, a titulación obtida e o coñecemento de idiomas.
Mediante a primeira edición deste programa de bolsas formativas a Consellería de Economía e Industria facilitou a selección, en 2012, dun total de 100 bolseiros que tiveron a oportunidade de entrar en contacto co mundo empresarial e que están en diferentes fases de participación no desenvolvemento de proxectos empresariais de mellora competitiva no ámbito do programa ReAcciona, nun proceso en todo momento tutelado por especialistas tamén seleccionados polo Igape.
O novo programa de formación e especialización, que se abre coa convocatoria que vén de publicar o DOG, desenvolverase durante os dous próximos anos, ampliando os ámbitos de actuación, pero tamén especialmente vinculado ao programa ReAcciona, que sumará deste xeito un orzamento de máis de 6 millóns de euros para impulsar a elaboración de diagnósticos de internacionalización e competitividade e a implantación de servizos avanzados nas pemes mediante plans concretos de mellora .