Mércores, 15 Mai 2013 00:00

O Programa ReExport mobilizará 8 millóns de euros para impulsar as exportacións das pemes galegas

O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera, presentou a iniciativa coa que se apoia o crecemento das empresas exportadoras. Mediante a concesión de avais do 50% facilítase o financiamento dos custos das operacións destinadas a iniciar ou consolidar as vendas en mercados exteriores. Salienta que o obxectivo da Xunta é "que ningunha empresa con potencial exportador deixe de vender fóra por falta de financiamento". Durante 2012 exportaron preto de 6.000 empresas galegas, un 23% máis que durante 2009.

Santiago, 15 de maio de 2013.- O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Javier Aguilera, presentou hoxe o programa ReExport, impulsado pola Consellería de Economía e Industria para facilitar as exportacións das empresas galegas mediante a mobilización de 8 millóns de euros en préstamos bancarios avalados nun 50%.

Javier Aguilera salientou a importancia de seguir apostando polo incremento das exportacións e polo crecemento do número de empresas exportadoras. O director do Igape lembrou que o número de empresas exportadoras medrou nun 23% durante os últimos catro anos, ata roldar as 6.000 empresas a peche de 2012. Engadiu que a Xunta, do mesmo xeito que procura que ningún proxecto viable quede sen executar por falta do financiamento necesario, busca que ningunha empresa cun produto competitivo e potencial exportador deixe de vender fóra por falta de financiamento.

A través do programa reExport, a Consellería de Economía e Industria apoiará as exportacións das pemes galegas mediante a concesión, a través do Igape, de avais do 50% para facilitar o financiamento dos custos das operacións destinadas a iniciar ou consolidar as vendas en mercados exteriores.

Este programa pioneiro comezou a desenvolverse, como experiencia piloto, o pasado ano. Ao abeiro da convocatoria de 2013 poderanse apoiar as exportacións de en torno a un cento de empresas. O obxectivo é conseguir que o empresario cun bo produto para competir no exterior non deixe de facelo por falta de financiamento.

O programa re-Export pon en valor a colaboración e implicación das entidades financeiras nos procesos de internacionalización das pemes, e está destinado a impulsar as exportacións das pemes de calquera actividade produtiva, facilitando o acceso ao financiamento operativo, tanto para iniciar como para ampliar e consolidar a actividade exportadora. As operacións avaladas polo programa re-Export oscilarán entre os 80.000 e os 250.000 euros, e poderán contar con avais (do 50%) comprendidos entre os 40.000 e os 125.000 euros.

Os avais concedidos polo Igape ao abeiro do novo programa garantirán operacións de financiamento de materias primas para a fabricación dos produtos a exportar e de gastos derivados dos procesos de envasado e preparación para o envío ao exterior; do mesmo xeito, as axudas facilitarán o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas.

O impulso á internacionalización do tecido empresarial galego mantense como un dos eixos estratéxicos da política económica da Xunta, como demostra o feito de que se multiplicaran por catro os recursos que se viñan dedicando con anterioridade. O programa re-Export completa o círculo dos apoios e servizos do Igape á internacionalización das empresas que comeza cando se facilitan, mediante o programa ReAcciona, servizos gratuítos de diagnóstico para determinar o potencial de internacionalización das pemes galegas.

A través do Igape, a Xunta de Galicia está a dar resposta integral ás necesidades dos empresarios galegos en cada unha das etapas a seguir no ámbito da internacionalización; desde o coñecemento dos mercados e a valoración de oportunidades, ata a toma de decisións de implantación en mercados exteriores, con servizos tanto en orixe como en destino e coas axudas e apoios financeiros para cada fase da internacionalización.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios