O prazo de presentación finalizou o 24/02/2022

TR802H - AXUDAS PARA O FOMENTO E A CONSOLIDACIÓN DAS ASOCIACIÓNS DE COOPERATIVAS E DE SOCIEDADES LABORAIS

Finalidade / Obxectivo

A finalidade deste programa de subvencións é o fomento e consolidación das entidades representativas da economía social de Galicia, en concreto das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais, subvencionando parcialmente os seus gastos de funcionamento.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións de cooperativas con actividade acreditada e debidamente inscritas no Rexistro Central de Cooperativas de Galicia, dependente da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as asociacións de sociedades laborais debidamente inscritas e con actividade acreditada, que agrupen principalmente entidades inscritas no Rexistro de Sociedades Laborais de Galicia.


Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas e inscritas nos rexistros competentes e cumprir os requisitos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Para seren beneficiarias, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:




a) Teren personalidade xurídica propia e independente.

b) Teren o seu domicilio social e a sede na Comunidade Autónoma de Galicia, entendendo por tal dispoñeren dunha oficina permanente nela.

c) Estaren ao día no cumprimento das obrigas referidas a depósito de documentos e inscrición de acordos nos rexistros competentes, segundo o establecido na normativa de aplicación.

Non poderán solicitar as subvencións reguladas neste programa aquelas entidades que formen parte de confederacións, federacións e unións de asociacións que igualmente presentasen unha solicitude de axudas ao abeiro deste programa.

Investimentos ou gastos computables

1. Considéranse gastos de funcionamento subvencionables os que se indican a seguir:

a) Alugamentos de locais e equipamentos.

b) Gastos de persoal da asociación. Neste concepto só se terán en conta o salario base, os complementos de antigüidade e os asociados á categoría profesional ou ao posto de traballo, as pagas extraordinarias, así como as cotizacións sociais e as cantidades retidas en concepto de IRPF.

c) Axudas de custo e desprazamento.

d) Gastos de subministracións eléctricas, de telefonía, de gas e auga.

e) Primas de seguros.

f) Material de oficina, comunicacións e publicacións diversas.

g) Mantemento da páxina web da asociación e xestión de redes sociais, difusión e publicidade.

h) Servizos profesionais independentes, incluídos os gastos derivados do informe auditor da conta xustificativa a que se refire o artigo 31. En ningún caso serán subvencionables os gastos por servizos profesionais que poidan derivar da contratación dalgún membro dos órganos de goberno da entidade solicitante.

i) Cotas asociativas a entidades de intercooperación.

j) Gastos de participación do persoal pertencente á entidade beneficiaria en congresos, seminarios, xornadas e outras actividades de natureza semellante.

Contía das axudas

A contía das axudas non poderá superar o 80 % dos gastos necesarios para a realización das actividades, que poderán contar, así mesmo, con outros financiamentos sen que en ningún caso excedan a contía realmente xustificada e non achegada pola Xunta de Galicia.

A contía máxima da subvención non poderá exceder dos cento cincuenta mil euros (150.000 €) por beneficiaria para a modalidade de gastos normais de funcionamento, oitenta mil euros (80.000 €) por beneficiaria para a modalidade de actividades de promoción do cooperativismo e a economía social e de cen mil euros (100.000 €) por beneficiaria para a modalidade de actividades en rede.

Establécense, así mesmo, os seguintes límites de subvención para as actividades que se indican a continuación:

• Actividades divulgativas e formativas de duración igual ou inferior a 10 horas: ata un máximo de 2.000 euros.

• Actividades divulgativas e formativas de duración superior a 10 horas: o límite será a contía resultante de multiplicar o número de horas de duración efectiva por 200 euros, ata un máximo de 4.000 euros.

• Asesoramento a emprendedores e público en xeral: ata un máximo de 20 euros por hora de atención e 20.000 euros por beneficiaria.

• Asistencia a feiras, mostras e congresos ata un máximo de 3.000 euros por beneficiaria.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.


Referencia lexislativa

Orde do 29 de decembro de 2021 (DOG Nº15 do 24/01/2022) - Bases reguladoras

Información e tramitación en

Información e tramitación:

Subdirección Xeral de Economía Social
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

Teléfono: 981545679