O prazo de presentación finalizou o 11/04/2019

AXENCIA GALEGA DE INNOVACION - AXUDAS PARA FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE PERSOAL TÉCNICO - PROGRAMA PRINCIPIA (IN848C)

Finalidade / Obxectivo

Axudas do programa Principia da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación, durante un período mínimo dun ano, de persoal para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia, co fin de favorecer a súa carreira profesional, así como estimular a demanda no sector público e privado de persoal suficientemente preparado para acometer proxectos de I+D+i.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia competitiva en réxime de mínimis.

Beneficiarios potenciais

a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.

b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Non poderán acceder á condición de beneficiarios as persoas ou entidades nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin tampouco as empresas en crise, nin aquelas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Requisitos principais do proxecto

1. Serán subvencionables ao abeiro desta convocatoria as contratacións de persoal tecnólogo para a realización de actividades de I+D+i, que se formalicen desde o día 1 de xaneiro de 2019 ata o 1 de decembro de 2019, ambas inclusive, coas seguintes características:

a) As actividades de I+D+i que realicen o persoal contratado deberán desenvolverse en centros de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia e estar aliñadas cos retos e as prioridades estratéxicas establecidas na RIS3 para Galicia (anexo III).

b) O contrato de traballo que se formalice poderá ser indefinido ou de duración determinada mínima de 12 meses. Ademais, deberá respectar o grupo de cotización correspondente á titulación da persoa contratada, segundo a táboa do punto 2 deste artigo.

c) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa tecnóloga contratada deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 euros.

d) O persoal contratado deberá cumprir, no momento formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

1º. Ter unha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos.

2º. Estar en posesión dunha das seguintes titulacións:

– Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciado, enxeñeiro, arquitecto, graduado, diplomado, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico.

– Título de formación profesional de grao superior ou equivalente.

No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, a dita titulación deberá ser equiparable en capacitación a algunha das anteriores.

3º. Non ter experiencia laboral superior a 36 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. Para o cómputo desta experiencia non se terán en conta as prácticas que formen parte dos currículos para a obtención das titulacións correspondentes, as prácticas non laborais ou as bolsas.

4º. Non ter sido contratado nos 6 meses anteriores pola entidade solicitante no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación.

5º. Non ter sido subvencionada a súa contratación á entidade solicitante ao abeiro das resolucións do 2 de xuño de 2016, do 8 de xuño de 2017 e do 24 de abril de 2018, polas que se convocou o Programa Principia para os anos 2016, 2017 e 2018.

Contía das axudas

1. A contía da axuda en concepto de incentivo que percibirán as entidades beneficiarias será de 10.000 euros por cada persoa contratada.

2. Cada entidade poderá solicitar a axuda para ata un máximo de 5 contratos, tendo en conta que as primeiras 2 contratacións se concederán por orde de puntuación de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 16.

As restantes contratacións solicitadas poderán concederse, por orde de puntuación, sempre que exista crédito orzamentario e unha vez esgotada a lista de contratacións solicitadas segundo o recollido no parágrafo anterior.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Incompatibilidades

Estas axudas serán incompatibles con outras que, en concepto de incentivos á contratación, poidan outorgar as administracións públicas. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

Referencia lexislativa

Resolución do 17 de decembro de 2018 (DOG Nº8 do 11/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Información e tramitación en

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

ÁREA DE XESTIÓN
Rúa Airas Nunes, s/n. (Conxo)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)

Teléfono: 881999121 / 881999529 / 981957008

Email: servizos.gain@xunta.gal

http://gain.xunta.gal