O prazo de presentación finalizou o 08/03/2018

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN - PROGRAMA CONECTA PEME (IN852A)

Finalidade / Obxectivo

Fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, a través do apoio a proxectos de investigación e innovación orientados ao mercado e aliñados cos retos e prioridades identificados na RIS3 para Galicia.

Tipos de apoio

Subvención

Beneficiarios potenciais

As agrupacións de empresas.

- As agrupacións deberán estar constituídas, como mínimo, por tres empresas non vinculadas entre si e como máximo por seis empresas, debendo ser o tamaño da agrupación o necesario para garantir unha xestión eficaz deste. Na agrupación poderá participar só unha gran empresa coa participación máxima sinalada no artigo 4.2 desta resolución. No caso de que na agrupación non participe ningunha pequena empresa, será necesario que, como mínimo, unha destas sexa subcontratada por calquera das empresas da agrupación para desenvolver tarefas/actividades de I+D+i dentro do proxecto.

- Se a agrupación de entidades participantes no proxecto non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención a aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Sectores incentivables

Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental, a innovación en materia de organización e a innovación en materia de procesos.

Requisitos principais do proxecto

Son actividades subvencionables a investigación industrial, o desenvolvemento experimental, a innovación en materia de organización e a innovación en materia de procesos. Para os efectos desta resolución entenderanse por tales conceptos as definicións contidas no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

a) Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nunha contorna de laboratorio ou nunha contorna con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

b) Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

c) Innovación en materia de organización: a aplicación dun novo método organizativo ás prácticas comerciais, a organización do centro de traballo ou as relacións exteriores dunha empresa. Non se inclúen os cambios baseados en métodos organizativos xa empregados na empresa, os cambios na estratexia de xestión, as fusións e adquisicións, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

d) Innovación en materia de procesos: a aplicación dun método de produción ou subministración novo ou significativamente mellorado (incluídos os cambios significativos en canto a técnicas, equipos ou programas informáticos). Non se inclúen os cambios ou melloras de importancia menor, os aumentos das capacidades de produción ou servizo mediante a introdución de sistemas de fabricación ou loxística moi similares aos xa utilizados, o abandono dun proceso, a mera substitución ou ampliación de capital, os cambios exclusivamente derivados de variacións do prezo dos factores, a produción personalizada, a adaptación aos usos locais, os cambios periódicos de carácter estacional ou outros cambios cíclicos, e o comercio de produtos novos ou significativamente mellorados.

Condicións dos proxectos:

1. Os proxectos estarán en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, de acordo coa definición deles que se realiza no artigo 2 desta resolución, e coas súas liñas prioritarias, que se detallan no anexo VI.

2. Os proxectos de I+D+i subvencionables ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse sempre en cooperación con pemes e ter un orzamento subvencionable mínimo de 500.000 euros e un máximo de 1.500.000 euros dividido nas distintas actividades a realizar por cada un dos integrantes da agrupación. Exixirase unha participación mínima por cada membro da agrupación de 75.000 euros, e a repartición da participación de cada empresa deberá ser equilibrada, non superando, en ningún caso, a participación dunha única empresa (ou empresas vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto.

Poderán incluírse grandes empresas, cunha participación limitada a un máximo do 25 % do orzamento subvencionable total do proxecto.

3. Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega. Todos os membros da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que deberán ter na Comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter a axuda. De non ter este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar unha declaración da entidade solicitante que acredite que se establecerá en Galicia antes de iniciarse o proxecto.

4. Considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se ten presentado antes do comezo do proxecto. Prodúcese un efecto incentivador cando as axudas cambian o comportamento dunha empresa de tal maneira que esta emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen as axudas, realizaría dunha maneira limitada ou diferente.

5. A duración mínima da actividade será de dúas anualidades, e a máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2020.

Investimentos ou gastos computables

Para a anualidade de 2018 só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de xustificación establecida no artigo 37 desta resolución, e en ningún caso, antes do 1 de xaneiro de 2018. Para estes efectos, considérase como data de presentación a que corresponde á solicitude do líder da agrupación. Para o resto de anualidades admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de xustificación da anualidade anterior e a data límite de xustificación da anualidade corrente.

Os custos subvencionables desagregaranse nas seguintes partidas:

a) Custos directos: os custos directos son aqueles que están directa e inequivocamente relacionados coa actividade subvencionada e cuxo nexo con esta actividade se pode demostrar. Consideraranse custos directos subvencionables os seguintes:

1) Custos de persoal.

2) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición.

3) Materiais, subministracións e produtos similares.

4) Adquisición de patentes.

5) Servizos tecnolóxicos externos.

6) Subcontratacións.

b) Custos de carácter indirecto: os custos indirectos son aqueles que non están vinculados ou non poden vincularse directamente coa actividade subvencionada por ter carácter estrutural, pero resultan necesarios para a súa realización, nos que se inclúen os gastos administrativos (tales como xestión administrativa e contable), gastos de supervisión e control de calidade, subministracións (tales como auga, electricidade, calefacción e teléfono), seguros, seguridade ou gastos de limpeza. En aplicación da opción prevista no artigo 68.1.b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e normas número 5 e 13 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014-2020, o custo imputable por este concepto será o importe resultante de aplicar unha porcentaxe de ata o 10 % aos custos de persoal imputados ás actividades de investigación do proxecto.

Contía das axudas

A contía máxima da axuda que pode ser concedida aos proxectos seleccionados determinarase sobre o investimento subvencionable de cada beneficiario da agrupación e será conforme os límites de intensidade previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014:

* Investigación industrial con colaboración efectiva entre empresas:
- Pequena empresa: 80 %
- Mediana empresa: 75 %
- Grande empresa: 65 %

* Desenvolvemento experimental con colaboración efectiva entre empresas:
- Pequena empresa: 60 %
- Mediana empresa: 50 %
- Grande empresa: 40 %

* Innovación en materia de procesos e organización:
- Pequena empresa: 50 %
- Mediana empresa: 50 %
- Grande empresa: 15 %

Para o caso de que se subvencione un terceiro proxecto a unha mesma entidade, a intensidade bruta de subvención para esa entidade será reducida nun 15 %. Para o caso de que se subvencione un cuarto proxecto a unha mesma entidade, a intensidade bruta de subvención para esa entidade será reducida nun 25 %. A partir do quinto proxecto subvencionado para unha mesma entidade, a redución da súa intensidade bruta de subvención será do 40 %.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do líder da agrupación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como derradeiro día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Incompatibilidades

As axudas previstas nesta resolución serán compatibles coa percepción de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, sempre que no seu conxunto non se superen os límites de intensidade de axuda previstos nos artigos 25 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014, ou que de acordo coa súa normativa reguladora fosen incompatibles.

No caso de que estas axudas sexan compatibles con outras axudas cofinanciadas con fondos EIE (Fondos Estruturais e de Investimento Europeos) terase en conta a limitación a nivel de partida de gasto prevista no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. De acordo co establecido no citado artigo, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, de un ou de varios programas, e doutros instrumentos da Unión, a condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

Referencia lexislativa

Orde do 31 de decembro de 2017 (DOG nº 28 do 08/02/2018) - Bases reguladoras e convocatoria 2018

Información e tramitación en

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

Rúa Airas Nunes, s/n (Conxo)
15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Teléfono: 981957437 / 981957386
Fax: 981541039

Email: gain@xunta.es

Información web: http://gain.xunta.es

Información nos teléfonos 981 95 73 03, 881 99 91 59, 981 95 70 11 da devandita Axencia.