O prazo de presentación finalizou o 20/09/2019

IG240 - AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 (2019)

Finalidade / Obxectivo

Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

As axudas ás pemes do título II das bases reguladoras anexas á presente convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 1420, que ten unha taxa de cofinanciamento Feder do 80 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.01: promover o crecemento e a consolidación das pemes, en particular mellorando o seu financiamento, tecnoloxía e acceso a servizos de apoios avanzados; incluíndo os sectores agrícola pesqueiro, mariño, marítimo, turístico, cultural, comercial (…).
Actuación 3.4.1.3: apoio a proxectos de investimento empresarial para promover o crecemento e consolidación das pemes.
Campo de intervención CE001: investimento produtivo xenérico en pemes.
Liña de actuación 07: apoio financeiro a proxectos de investimento empresarial.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia competitiva.

As axudas ás pemes teñen unha tasa de cofinanciamento Feder do 80%

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (pemes), que sexan sociedades con personalidade xurídica propia ou autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia no que se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.b).

3. Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en adiante o líder), único interlocutor coa administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

4. Presentarase unha solicitude por cada tipo de proxecto dos definidos no artigo 5. No caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un ou máis proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise.
c) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

Non poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que sexan prestadoras dos mesmos servizos ou subministradoras dos mesmos equipos para os que solicitan a axuda.

Sectores incentivables

Todos excepto segundo os artigos 1.3 e 13 do Regulamento (UE) 651/2014: empresas pertencentes ao sector da pesca e a acuicultura, ao sector da produción agrícola primaria, ao sector do aceiro, ao sector do carbón, ao sector da construción naval, ao sector das fibras sintéticas, ao sector dos transportes, así como a infraestrutura conexa, a produción e distribución de enerxía e as infraestruturas enerxéticas.

Requisitos principais do proxecto

1. Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º) Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
2º) Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º Desenvolvemento dunha interfaz dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares), interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, bigdata e similares) e ciberseguridade.
3º Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).

2. Os proxectos deberán estar finalizados para poder optar ao cobro da subvención. Enténdese que os proxectos están finalizados cando exista a capacidade de interconexión multiempresa de procesos no caso dos proxectos colectivos ou cando as interfaces poidan conectar á solicitante con outra ou outras empresas, ou ben os sistemas de dixitalización estean implantados e operativos, no caso de proxectos individuais. Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

Cualificación requerida do proxecto

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para seren aprobados:

Modalidades a) e b) 1º do artigo 5: 50 puntos.
Modalidades b) 2º e 3º do artigo 5: 30 puntos.

Para a avaliación dos proxectos das pemes, sexan colectivos ou individuais, o Igape poderá utilizar o sistema de defensa pública do proxecto. Tanto a memoria que acompañe á solicitude como a defensa pública deben responder de forma clara e explícita a cada un dos criterios de avaliación de proxectos de empresas do apartado b). Finalizada, no seu caso, esta fase de exposición e defensa, o comité de valoración procederá a puntuar cada proxecto de acordo cos seguintes criterios:

1º Dimensión do proxecto. 20 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:
i. Para os proxectos colectivos do artigo 5.a) Número de pemes participantes: 4 puntos por peme ata un máximo de 20 puntos.
ii. Para os proxectos individuais do artigo 5.b): 4 puntos

2º Calidade técnica do proxecto: ata 50 puntos, que se avaliarán con ata 10 puntos por cada un dos seguintes parámetros:
i. Tipo de procesos a interconectar. Primarase a interacción de procesos operativos sobre os estratéxicos e estes sobre os de soporte.
ii. Implantación de sistemas xa desenvolvidos e probados na realidade empresarial.
iii. Intensidade no nivel de interacción dos procesos entre empresas.
iv. Melloras competitivas esperadas. Estimación cualitativa e cuantitativa.
v. Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva e a concreción de obxectivos. Mención expresa á correlación entre o desenvolvemento do proxecto de cada peme e os investimentos e gastos propostos.

3º Diversidade, en canto á posición na cadea de valor sectorial dos participantes, da interacción dixital proposta: 5 puntos por cada posición diferente na cadea de valor de cada empresa que se interconecta ata un máximo de 20 puntos.

4º Sector ou ámbito de actividade no que se desenvolva o proxecto: 5 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:
i. Estratéxicos: Agroalimentación, Automoción, Enerxías Renovables, Madeira/Forestal, Naval/Industria marítima, Pedra Natural, Téxtil-moda.
ii. Emerxentes e de alto potencial: Aeronáutico/aeroespacial, Industria da saúde e do benestar, Industrias creativas, Biotecnoloxía, Novos materiais, Ecoindustria, TIC.

5º Participación de centros e institucións tecnolóxicas como colaboradores externos: 5 puntos, un punto por cada 1% da previsión de gasto en colaboracións externas do proxecto.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º dos descritos no apartado b) deste mesmo artigo. Se aínda así seguise existindo empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade, decidirase a favor do proxecto no que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

Investimentos ou gastos computables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto:

a) Investimentos materiais novos e/ou inmateriais adquiridos en propiedade. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina agás elementos informáticos.

b) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

c) Nos proxectos da modalidade a) do artigo 5, se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar unha contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25% dos custos, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de seres así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. A tal efecto o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario de solicitude de axuda ao que se refire o artigo 9 destas bases.

O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

4. Os investimentos e gastos previstos por cada peme participante deberán ser especificados na solicitude, coa planificación anualizada destes. O Igape, para cada proxecto que resulte aprobado, establecerá na resolución individual correspondente a cada peme os investimentos e gastos subvencionados ata o remate do prazo de execución do proxecto.

5. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

6. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade.
7. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto.

8. No caso de investimento en activos intanxibles, para ser considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

Os provedores non poderán estar vinculados co beneficiario da axuda nin cos seus órganos directivos ou xestores. En ningún caso poderá subcontratarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades.

Contía das axudas

A subvención será do 30% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 20% para as medianas.

A subvención será do 50% dos gastos de colaboracións externas subvencionables para ambas categorías de empresa, pequenas e medianas. Os gastos do organismo intermedio previstos no art. 6.1.d), de existiren, terán a consideración de colaboracións externas.

Prazo de presentación de solicitudes

1ª convocatoria: comezará ao día seguinte da publicación no DOG e rematará o 15/03/2019

2ª convocatoria: comezará o 03/06/2019 e rematará o 20/09/2019

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas neste artigo. Non obstante, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a prorrata, con arranxo ao documento en que se establezan as condicións da axuda.

Referencia lexislativa

Resolución do 21 de decembro de 2018 (DOG Nº8 do 11/01/2019) - Bases reguladoras e convocatoria 2019

Información e tramitación en

INFORMACIÓN:

- Nas oficinas territoriais do IGAPE
- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cumprimentar previamente un formulario descritivo do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo de Internet http://www.tramita.igape.es

As agrupacións de pemes deberán terse constituído previamente á presentación da solicitude. A peme designada líder da agrupación será quen deberá cubrir o formulario descritivo do proxecto e dos gastos subvencionables das pemes participantes a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, e quen presente a solicitude no nome da agrupación.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse únicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I).

A fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape dispón dun Servizo de Atención Telemática a través dos teléfonos 900 81 51 51 ou 981 541 147

2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

b) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 3.3º e 7.5º destas bases reguladoras.

c) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios sinalados no artigo 12.4 destas bases.

d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación.

Observacións

O prazo de execución dos proxectos da primeira convocatoria de axudas (IG240.1) non poderá superar o 15 de xuño de 2020.

O prazo de execución dos proxectos da segunda convocatoria (IG240.2) non poderá superar o 15 de outubro de 2020.

O prazo de solicitude de cobramento de anticipos será ata o 15 de outubro de 2019 para gastos da anualidade 2019, e ata o 15 de xuño de 2020 para gastos da anualidade 2020.