O prazo de presentación finalizou o 11/05/2009

AXUDAS PARA O FINANCIAMENTO DE INVESTIMENTOS ENCAMIÑADOS Á REDUCIÓN DE EMISIÓN DE GASES DE EFECTO INVERNADOIRO

Finalidade / Obxectivo

Axudas ás Pemes galegas que fagan investimentos co fin de acadar unha redución das emisións dos seguintes gases de efecto invernadoiro (en diante GEI): dióxido de carbono, metano, óxido nitroso, hidrofluorocarbonados, perfluorocarburos e hexafluoruro de xofre.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios potenciais

Poderán acollerse a estas axudas as Pemes que emitan GEI, e que cumpran, así mesmo, os seguintes requisitos:
1) Ter o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.
2) Empresa con personalidade xurídica propia que reúna as seguintes cláusulas:
-Que empregue menos de 250 traballadores.
-Que teña un volume de negocio inferior a 50millóns de euros ou un balance xeral inferior a 43 millóns de euros.
-Que non estea participada nun 25% ou máis do seu capital por unha empresa que non cumpra os requisitos anteriores.
3) No caso das Pemes que estean comprendidas dentro do ámbito de aplicación da Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime de comercio de dereitos de emisión de GEI e da Orde do 13 de novembro de 2007, non se considerarán aqueles proxectos que supoñan reducións no ámbito de aplicación da antedita Lei 1/2005.
4) Que as actuacións propostas ao abeiro desta orde non sexan de obrigado cumprimento pola lexislación vixente.
5) Posuír personalidade xurídica propia, suficiente capacidade de obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.
6) Prestar o seu consentimento a esta consellería para a difusión do seu proxecto.
7) Non ter ningunha sanción imposta mediante resolución en firme en materia ambiental, no último ano.

Sectores incentivables

Todos

Requisitos principais do proxecto

Serán susceptibles de subvención os investimentos iniciados no ano 2009 e realizados ao longo dos anos 2009-2010.

As accións que se realicen soamente ao longo do ano 2009, deberán de estar completamente executadas antes do 1 de outubro de 2009, e as que se prolonguen ata 2010, deberán terse executado antes do 1 de outubro deste ano.

Así mesmo, o investimento material debe manterse e aplicarse ao fin concreto para que se concedeu a subvención por un período mínimo de cinco anos.

Unicamente serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade a redución de emisións de GEI nos seguintes ámbitos:
-Fomento do transporte sustentable, incluíndo planes de mobilidade da empresa.
-Mellora da eficiencia enerxética en calquera ámbito da actividade da empresa.
-Proxectos de compensación de emisións desenvolvidos no ámbito xeográfico de Galicia.

Contía das axudas

A axuda poderá acadar ata un 75% do custo total do proxecto. A axuda máxima por solicitante limitarase a 30.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O cómputo do citado prazo farase de data a data, entendéndose como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, o prazo entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicialdo cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Incompatibilidades

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán incompatibles con calquera outras que teñan a mesma finalidade, e procedan de administracións ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Referencia lexislativa

Orde do 27 de febreiro de 2009 (DOG Nº49 do 11/03/2009) - Convocatoria 2009
Orde do 2 de setembro de 2009 (DOG Nº192 do 30/09/2009) - Ampliación do prazo de execución

Información e tramitación en

Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento sostible

Observacións

As axudas a empresas que se poidan conceder ao abeiro desta orde sométense ao réxime de minimis, polo que cada beneficiario non poderá recibir máis de 200.000 euros de axudas sometidas ao antedito réxime, durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Só poderá ser concedida unha axuda por proxecto e por beneficiario.