O Porriño (Pontevedra), 28 de maio de 2015.- O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe no Porriño a aposta da empresa Kaleido Logistics pola mellora da competitividade para consolidar a súa internacionalización no sector da loxística, un ámbito no que comezou a operar –como Vasco Gallega- hai máis de corenta anos. A compañía, que ten contado cos servizos e apoios da Xunta á internacionalización, está actualmente implantada en mercados como Portugal, Brasil, Angola, China, India ou Sudáfrica; e desenvolveu ou está a desenvolver proxectos loxísticos en países como Omán, Filipinas, Etiopía, Perú ou Estados Unidos.
Javier Aguilera percorreu as instalacións que Kaleido ten no Porriño, que está a ampliar contando co apoio do Igape, e lembrou que na Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 que impulsa a Xunta unha loxística integral competitiva, apoiada nas TIC, está chamada a ter un papel de crecente relevancia.
Mediante os apoios concedidos pola Consellería de Economía e Industria, que está tamén a respaldar os seus procesos de innovación, a empresa impulsou a construción de dúas naves e a reforma dunha terceira, co obxectivo de incrementar a capacidade loxística da compañía en máis 3.700 metros cadrados, con melloras especialmente destinadas a optimizar a prestación dos seus servizos a empresas do sector da automoción.
Aínda que a compañía comezou a desenvolver a súa actividade no ámbito da loxística portuaria, actualmente é un referente no ámbito do transporte de material eólico e a maquinaria e equipamento relacionado co sector enerxético; e desenvolve proxectos industriais, ao tempo que facilita solucións e servizos avanzados para sectores como o de automoción ou o da alimentación.